Na lembranza dos homes e mulleres ribadenses vítimas da rebelión militar franquista

A.C. Francisco Lanza

RIBADEO

11 nov 2023 . Actualizado a las 14:08 h.

Oxoves tivemos ocasión de asistir á segunda charla realizada pola A.C. Francisco Lanza con motivo da exposición «Deportados da Mariña luguesa e do Occidente asturiano aos campos de concentración nazis». O seu título: «Asalto de Ribadeo polas tropas golpistas o 23 de xullo de 1936». Miguel Freire, con orixes en Ribadeo, relatounos como se produciu o asalto a Ribadeo por parte das tropas sublevadas do xeneral Franco. Froito das testemuñas da época, o acto supuxo unha ocasión ben acaída para render homenaxe ás vítimas de dito asalto:

Justo Fernández Suárez, natural de Vilaronte e veciño da Veiga; 26 anos, solteiro; de profesión, chofer.

Casimiro Pérez Martínez, nado en Mondreganes (León); 43 anos, carabineiro casado con Isabel Vázquez Fernández, coa que tiña 5 fillos.

Ramón Crespo Rodas, de Ribadeo; 26 anos, solteiro; zapateiro.

Rosalía Alonso Lastra, natural de Mourisco (A Fonsagrada); 60 anos, solteira.

Manuel Tella, natural de Navia de Suarna; 60 anos, casado e cun fillo; xornaleiro.

Manuel Mon Miranda, natural de Luanco (Asturias), de ascendencia burelá; 44 anos, casado con Joaquina Expósito Baño e con 4 fillos; carabineiro.

Vicente Muíño Tojeiro, natural e Cedeira; 26 anos , solteiro; xornaleiro labrego e mariñeiro.

E tamén foi ocasión para lembrar os nosos veciños ribadenses que foron fusilados posteriormente en Lugo tras un consello de guerra sumarísimo:

Dositeo Álvarez Seivane; natural de Ribadeo; 32 anos, labrego. Condenado a morte e executado en Lugo.

Fernando Bellón Fernández: natural das Figueiras (Castropol); 30 anos; mariñeiro. Xulgado por rebelión e executado en Lugo.

Antonio Fernández Sánchez: natural de Ribadeo; 55 anos, mariñeiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.

Antonio García Fernández: natural de Ribadeo; 46 anos, zapateiro. Xulgado por rebelión e executado en Lugo.

Ramón Lorenzo Fernández: natural de Barreiros, veciño de Ribadeo; 48 anos, tenente de carabineiros da praza de Ribadeo. Xulgado por traizón e executado en Lugo.

Luciano Martínez Piñeiro: natural de Ribadeo; 55 anos, mariñeiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.

Faustino Penedo García: natural de Baleira, veciño de Ribadeo; 46 anos, bedel da Academia de Santo Tomás de Aquino. Xulgado por sedición e executado en Lugo.

Manuel Soliño Medina: natural de Ribadeo; 18 anos, xornaleiro. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.

Antonio Trujillo Rodero: natural de Salamanca, veciño de Ribadeo; 48 anos, alférez de carabineiros da praza de Ribadeo. Xulgado por traizón e executado en Lugo.

Manuel Fernández Piñeirúa: natural de Ribadeo, veciño de Castropol; 46 anos, garda municipal do concello de Castropol. Xulgado por rebelión militar e executado en Lugo.

O resto das vítimas mortais da represión franquista vinculadas a Ribadeo figuran tamén cos seus nomes nas «Pedras da Memoria» sumando un total de 40 persoas.

Para todos eles, veciños e veciñas de Ribadeo, houbo unha lembranza e unha merecida homenaxe na charla de onte, impartida por Miguel Freire, na Casa do Viejo Pancho: a memoria feita lembranza presente e proxectada cara ao futuro para que ninguén esqueza a barbarie. É de xustiza que os seus descendentes poidan atopar os restos dos seus antepasados e darlles unha sepultura digna.