O docente e pacifista ofreceu unha poñencia en Ribadeo na que abordou o momento actual, «o máis perigoso en anos»
24 oct 2025 . Actualizado a las 13:38 h.Exdirector da Fundación Cultura de Paz en Galicia, Manuel Dios Diz (Santiago de Compostela, 1953), que ofreceu unha charla en Ribadeo organizada polo Foro Social da Mariña, é unha persoa axeitada para reflexionar sobre a convulsa actualidade e tamén sobre o que, neste contexto, o pacifismo ten para ofrecer á sociedade. Todo isto, «non desde o punto de vista dun politólogo ou un experto en relacións internacionais, senón desde o dun docente que leva toda a vida laboral promovendo desde as aulas a resolución pacífica dos conflitos», recalca.
—Ucraína, Gaza, as tensións entre Estados Unidos e Venezuela... Como ve os tempos nos que vivimos?
—Como di Adolfo Pérez Esquivel, Nobel da Paz no 1980, vivimos nun tempo incendiado pola guerra e o xenocidio. Vexo este momento histórico con gran preocupación. Hai quen di que nunca estivemos tan preto da Terceira Guerra Mundial, o que me parece un pouco pesimista. Iso sería catastrófico, non habería vencedores. Pero é certo que agora mesmo hai arredor de 30 conflitos armados en todo o mundo, e vendo o que ocorre en Gaza ou na Ucraína, onde a poboación civil se convertiu en obxectivo prioritario dos ataques, a inquietude está xustificada. Hai un desorde a nivel internacional e parece que as organizacións supranacionais están desaparecidas. Esta situación é nova e a máis perigosa en moitos anos, a ameaza de que esta violencia se poida ir totalmente das mans non deixa de estar aí. De todos os xeitos, insisto en que non vivimos no peor dos mundos posibles e en que o ser humano mellora co tempo. Conflitos sempre os houbo e vai haber, pero as armas son a peor opción, evidencian o fracaso da política e da humanidade.
—Que opinión lle merecen o xenocidio en Gaza perpetrado por Israel despois do atentado de Hamás, e o plan de paz que vén de aprobarse?
—O plan de paz aprobado para Gaza parece máis ben de negocio inmobiliario, están ausentes os directamente afectados. O que aconteceu en Palestina foi terrible e ninguén pode alegar ignorancia do que pasou. Vimos en directo a morte de milleiros de persoas, entre eles nenos e nenas.
—De feito, hai quen interpreta que hai un certo espectáculo en torno ás guerras actuais. Tralos conflitos bélicos hai sempre negocio. Por que, constantemente, triunfa a guerra?
—Seguimos aplicando a vella máxima atribuída a Flavio: se queres a paz, prepara a guerra. Así o recoñece Donald Trump sen ningún tipo de escrúpulo.
—Que ten para ofrecer o movemento pacifista neste contexto?
—Do pacifismo dicimos que é como unha balea, hai dous anos estaba submerxido pero acaba aflorando. Nestes momentos está a asomar a cabeza e reclamando dos Gobernos solucións a unha violencia que se alonga no tempo, como a que ocorre en Palestina, onde un Executivo xenocida ocupa un territorio saltándose a lei internacional. A sociedade civil ten un papel chave.
—Houbo polémica, por exemplo, co boicot propalestino á Vuelta Ciclista a España, que semella que serviu para facer presión.
—Eu penso que hai un falso debate, porque as accións non violentas visibilizaron históricamente alternativas ao uso das armas. É moi pobre culpabilizar a esas persoas, que conseguiron poñer a Israel no seu lugar.
—Que é a cultura de paz que vostede promove? Que ten que existir para unha paz real?
—Cultura de paz é un concepto acuñado pola comisión de premios Nobel no 1999, a petición de Federico Mayor Zaragoza, daquela director xeral da Unesco, que logo deu lugar a un plan de acción aprobado polas Nacións Unidas. O respecto por todas as vidas, o rexeitamento da violencia, a aposta pola xenerosidade, escoitar para comprenderse, coidar o planeta e promover a solidaridade son os seis puntos básicos. Cómpre loitar contra a pobreza, o racismo e a discriminación, e guiarse pola declaración universal dos dereitos humanos. Precisamos desaprender a guerra, revisar a linguaxe ou a historia. Estas premisas teñen que estar presentes nas aulas pero tamén nas Administracións ou nos medios de comunicación.
—A mocidade é o futuro. Como a ve, seducida pola violencia ou concienciada pola paz?
—Menos concienciada do que debera, lóxico dado o escaso tempo que prestamos a educalos neste aspecto. Para unha sociedade democrática temos que apostar por un currículo da non violencia.