«En Viveiro sempre houbo esa fama de cantar ben, profesional e popular», di Sito Sedes

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

CESAR QUIAN

«Garufa Blue Devils Big Band foi a miña lotaría musical», suliña o cantante de Narón

26 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi voz da lexendaria Los Satélites. Tras botar un máis que merecido descanso no mundo da canción regresaba aos escenarios da man de Garufa Blue Devils Big Band, coa que volveu a tocar o ceo musical. Os seus ollos brilan cando fala desta nova etapa e, pisando amadas terras viveirenses nesta conversa, da súa presenza nas últimas patronais de Viveiro.

-Que é Viveiro para vostede?

-Viveiro é esa cidade pequena pero chea de música, porque non é soamente a banda. Estaban os irmáns Amor cos que aínda canto cando vou velos en Madrid. Foran os fundadores de Salsa Mandinga, o primeiro grupo de salsa por aquí, que foi potentísimo, moi bo, e foran tamén os mariachis de Rocío Dúrcal. Teñen unha historia musical importantísima e saíran moito nas décadas dos 60 e 70 en Televisión Española. Tamén estaban Os Píndaros, a orquestra Variedades, etcétera. Tamén está Lino, do Conservatorio, excelente persoa. E en Foz lembro ao amigo Arcadio Mon, que estivera en Los Españoles e tamén traballara moitísimo pola música; creara a Escola Municipal de Música de Foz. De Viveiro tamén é Narciso Pillo, actual director da Banda Municipal de Ferrol, co que traballei pois estivo en Los Satélites comigo.

-Véselle moito cariño á Mariña.

-Si, gústame moito vir aquí! Na Mariña fixérase un libro falando da xente de Foz, Ferreira do Valadouro... que sabía música e contaba que viñan xentes facendo 40 ou 50 quilómetros en bicicleta para aprender solfeo e volvían para a súa casiña para estudalo. De aí sairían as primeiras bandas por esta zona. En Viveiro sempre houbo tamén esa fama de cantar ben, tanto profesional como popular. Entrabas nunha tasquiña e sempre había un grupo de xente que cantaba. E lembro en Covas que había a sala de festas Cociña, que estaba así [xunta os dedos da man]. Eu tería máis de 20 anos. Solían actuar a Variedades, os Píndaros e nós.

-Que foi para vostede entrar na Garufa Blue Devils Big Band?

-A esta idade, con 73 anos, foi un premio que recibín... e non sei moi ben por que. Despois de deixar Los Satélites, a orquestra da miña vida, entrei en televisión. Roberto Somoza, director de Garufa, estivo tamén en Los Satélites; eu xa marchara e traballaba en televisión. Un dos cantantes de Garufa operárano. Chamáronme para botar unha man e fun.

-Aquilo temporal perdura.

-Si, un día díxome Roberto: «Quiero grabar un disco de boleros contigo». Aí xa eu empezo a soñar... porque a música para min é algo moi forte. Tal foi así que os temas buscounos el e pareceume perfecto. Vino dun color tan bonito tan bonito!

-Segunda oportunidade dourada.

-Si, a veces pensas ‘Dios mío, canto tempo estarei aquí?’... porque agora estou gozando da música, agora é un disfrute. De novo tamén, cando gravei varios discos; foi unha experiencia moi bonita. Encóntrome hoxe con estes músicos que traballan doutra maneira, outro estudo, outro vocabulario. Digo que me tocou a lotaría musical. En Viveiro, Garufa quedou prendada do público. Queremos dar as máis expresivas grazas ás persoas do Concello de Viveiro que nos contrataron e que foron Lara [edila de Cultura] e a alcaldesa [María Loureiro] e que nos deron a oportunidade de tocar en Viveiro, adonde sería unha honra volver a tocar. Tamén ao público e aos músicos cos de Viveiro cos que me atopei e cos que estarei eternamente agradecido.

-Xa publicaron varios discos.

-Si, Hello Dolly e hai tres ou catro meses comigo, Siboney.

-Cal sería a última canción que lle gustaría escoitar na vida?

-Cando empecei en Los Satélites, cando tiñamos a compañía EMI-Odeón que nos levara ao programa Aplauso e Uribarri era un dos admiradores da orquestra, temas como Papá y mamá ou Papelito blanco saían para adiante. Pero eu que son un namorado do bolero, gravei un que se chamaba Triste papel, era moi bonito pero non cho pedían case nunca e a min entrábame unha pena! [canta un trozo]. É a banda sonora da miña vida. Estaba xubilado e volveu a empezar a sonar. E agora adonde vou si que mo piden.