
O novo traballo inclúe 14 temas e foi gravado no Teatro Pastor Díaz de Viveiro
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Quince temas (catorce de «colleita propia» e un do italiano Diego Zamboni) dan vida a Polos camiños do mar, o terceiro disco da formación vocal Sons de Celeiro, de Viveiro. O novo traballo discográfico sairá á rúa o mes que vén, en xuño, con 1.000 copias, como explican Antonio Fernández e Daniel Caxete, impulsores dun grupo do que actualmente forman parte catorce persoas que aman a tradición musical mariñeira. Segundo explican, o disco conta coa colaboración dos concellos de Viveiro e de Ortigueira, ademais de coa Cofradía de Pescadores de Celeiro e Puerto de Celeiro.
«No disco dedicámoslle un tema a Viveiro que se titula Viveiro, que marabilla!, e outro a Ortigueira, que leva por título Rías Altas. Neste falamos do festival de Ortigueira, pero tamén do banco de Loiba, por exemplo», destaca Caxete, que é artífice na composición da maior parte dos temas dun disco que foi gravado hai unhas semanas durante tres xornadas no interior do Teatro Pastor Díaz, en Viveiro. Do son ocupouse o músico, produtor e compositor viveirense Gabriel Fernández Díaz, que ten traballado con artistas como Juancho Marqués.

En Trabada, este sábado
Este sábado, Sons de Celeiro actuará en Trabada, onde presentará algunhas cancións do novo disco. De cara ó verán, segundo subliñan Fernández e Caxete, o previsible é que leven a cabo diferentes actuacións pola zona. «Estamos contentos», destacan os músicos. O disco poderase atopar, entre outros, nos bares Rolindes, de Celeiro; e Bossa e A Ribeira, en Viveiro.
A carátula leva unha foto dun arco da vella en alta mar que foi tomada polo mariñeiro celeirense Kanu Fernández a bordo o arrastreiro burelense Río Xunco. Da composición e do deseño do disco estase a ocupar o prestixioso fotógrafo e deseñador Dani Caxete. O cedé inclúe un libreto no que aparecen las letras das diferentes cancións escritas nunha especie de cartas mariñas. A portada inclúe tamén a ilustración dun compás mariñeiro.