Falece Modesto Casabella Martínez, de Viveiro: un galego en Suíza, un suízo en Galicia, e sobre todo un home bo, representante da emigración

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

EDUARDO PEREZ

A parroquia de San Andrés de Boimente acollerá o sábado o enterro das cinzas dun veciño moi apreciado que emigrou a Zürich hai medio século

28 nov 2024 . Actualizado a las 13:29 h.

A vida de Modesto Casabella Martínez garda moitas semellanzas coa de tantos mariñáns e galegos que un bo día fixeron as maletas para emprender o camiño da emigración coa esperanza dun futuro mellor para eles, pero sobre todo para as súas familias. Corrían os anos setenta do século pasado cando este viveirense natural de San Andrés de Boimente emigrou a Zürich xunto coa súa muller, Julia. E foi nesta cidade helvética onde a base de moito traballo, e de moitos sacrificios, a parella logrou facer realidade cantidade de soños.

Sempre cun pé alí, onde criaron dous fillos, David e Bruno, e outro aquí, en España, en Galicia, en Viveiro, en San Andrés: a terra nai. Lugares de referencia nos que coidaron e se preocuparon sempre pola familia, polos amigos...

Ata o último momento, Modesto, que levaba cunha sonrisa franca e amorosa a dualidade de ser «galego en Suíza» e «suízo en Galicia», e que sobre todas as cousas era un home bo, cultivou o amor e o cariño pola súa terra, onde quixo ser enterrado, e polos seus. Tiña 76 anos. 

As súas cinzas serán veladas este venres, 29 de novembro, desde as 18.00 ata as 22.00 horas no tanatorio Alianza y Barros de Viveiro, en Verxeles. O enterro terá lugar o sábado, día 30, ás 11.40 horas no cemiterio de San Andrés. A continuación haberá unha misa funeral na igrexa parroquial de San Andrés de Boimente.