Paula Prado, secretaria xeral do PP galego: «A de Viveiro será a alcaldesa número 29 do PP en Galicia»
VIVEIRO

Destaca que os populares asumen a «responsabilidade de darlle un impulso» ó Concello de Viveiro
20 feb 2025 . Actualizado a las 12:30 h.A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado del Río, ofreceu este xoves a súa visión sobre o acordo entre Por Viveiro (2 concelleiros) e Partido Popular (7 edís) que dará paso á moción de censura que, o próximo 7 de marzo, facilitará o acceso á alcaldía de Viveiro da popular Mariña Gueimunde despois de vintedous anos de gobernos socialistas.
Un pacto asinado en base a un documento que compromete investimentos valorados en seis millóns de euros para os próximos dous anos e que, segundo destacaron tanto Bernardo Fraga como Mariña Gueimunde, conta co respaldo do goberno autonómico que preside Alfonso Rueda. «O PP gañou as eleccións en Viveiro, e o que se demostrou é que [había] un pacto de perdedores co único obxectivo de que non gobernara o Partido Popular e cun goberno que ten o Concello absolutamente paralizado», detallaou. E engadiu: «O PP asumiu unha responsabilidade que é darlle un impulso a ese Concello e poñer en marcha un goberno que mire polos veciños e veciñas. Iso si, poñendo o interese dos veciños e das veciñas por riba de intereses partidistas. E, por tanto, ese é o obxectivo do novo goberno en Viveiro».
«A verdade é que estou moi contenta porque sumamos unha alcaldesa máis. O Partido Popular xa é o partido con máis alcaldesas de Galicia, con 28, e sumando a de Viveiro, teremos 29», concluíu.