
Tras gañar dúas das tres primeiras probas do Galego, irá «a por todas» no Rali da Mariña: «Sería un honor verme nun palmarés con Senra e Cagiao»
14 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.De entre a morea de pilotos e copilotos que xa preparan o asalto ao sétimo Rali da Mariña, o vindeiro 10 de maio, poucos agardarán a cita con tanta impaciencia como Ánxel Vizoso López e Brais López Arranz. Nas estradas que mellor coñecen e impulsados polo alento de amigos e veciños lucirán o liderado da Copa Volante FGA e a beca ofrecida para deportistas menores de 28 anos. E con eles agardan compartir un novo paso cara un título que impulsou a lendas como Jorge Cagiao e Víctor Senra.
«Ata agora o obxectivo era facernos ao coche. É novo, estas rodas agarran máis... E necesitaba recuperar confianza porque viña de sinistrar no San Froilán. Non contaba estar líder xa, creo que ata agora non fomos os máis rápidos, pero si os máis constantes. Na Mariña xa si que queremos saír a por todas. Son de aquí, vai estar toda a miña xente véndome e animándome, son as estradas que mellor coñezo... O ano pasado non participaba nesta Copa, pero por ritmo, tería quedado segundo a pesar de que tiña menos potencia, así que agora non contemplo outra cousa que gañar», explica Vizoso.
O viveirense impúxose entre 160 novatos para conquistar o Volante Deputación de Lugo no 2022. Iso deulle dereito a participar no Rali San Froilán co respaldo de PTC Escola e a Vicepresidencia provincial e, pouco despois, animouse a preparar o seu propio vehículo de carreiras. O accidente que sufriu na súa última competición do 2024 obrigouno a volver comezar para afrontar o seu desafío nunha beca que lle daría dereito a correr a Copa Clio Galicia cos gastos pagos. «Din que supón uns 40.000 euros», apunta.
«Estivemos a punto de non poder competir porque esta beca o ano pasado era para menores de 29 e, de súpeto, baixárona a 27. Protestamos os dous nados no 1997 e deixárona en 28», conta un rapaz que cumprirá esa idade a finais deste mesmo mes de abril. «Fun cuns amigos a Guadalaxara e collín un Saxo diésel. En 15 días espímolo e preparámolo para poder competir no inicio da tempada no Rali do Cocido», conta Ánxel Vizoso.
Nesa estrea o pasado 8 de marzo foron terceiros por detrás dos gañadores Alexis Vieitez e Antía García e de Alejandro Castro e Héctor Taboada. No Rali da Coruña e o Berberecho de Noia, os viveirenses si lograron ser os máis regulares, adxudicaron a vitoria e contan con dez puntos no liderado. «Son un total de nove ralis, pero descártanse os tres peores. Queda moitísimo», avanza sobre unha competición na que tódolos aspirantes aos Volante FGA están suxeitos a numerosas normas para manter a igualdade. «Levamos os mesmos motores atmosféricos de ata 1.600 centímetros cúbicos, as mesmas rodas, practicamente tódolos elementos deben ser de serie...», detalla.

Sen presións
«Se gaño sería un honor verme nun palmarés con Senra e Cagiao e o trofeo queda moi ben no estante, pero non me vou facer rico, nin sinto ningunha presión. Só dan premios económicos por cada rali, pero non polo título. Como me di meu pai, limítome a gozar de conducir coa estrada pechada, que é unha experiencia bonita», revela o líder do Volante FGA no Campionato Galego de ralis de asfalto.