Unha experiencia no Raid Bimbache, unha das probas deportivas máis extremas do mundo: «Enfrontámonos ao descoñecido»

VIVEIRO

Os viveirenses Fabio Chaves e Bruno Leal, acompañados por Manuel Arias e Cecilia Abal no equipo La Clásica, completaron case 500 quilómetros de competición por Marrocos con probas de orientación, sendeirismo, ciclismo, kaiak, barranquismo e rápel
18 may 2025 . Actualizado a las 19:29 h.«Enfrontámonos ao descoñecido, pero, a touro pasado, foi unha experiencia moi guai», confesa Fabio Chaves, un viveirense de 39 anos que vén de completar un dos maiores desafíos deportivos do mundo. Formando o equipo La Clásica, en referencia ao comercio de bicicletas que el mesmo impulsou en Lugo, co tamén viveirense Bruno Leal, con 42 primaveras, ademais do lucense Manuel Arias, de 37, como capitán, e a viguesa Cecilia Abal, de 29, remataron en Marrocos e prestixioso Raid Bimbache. Durante cinco días menos catro horas de competición case ininterrompida completaron 470 quilómetros con probas de orientación, sendeirismo, ciclismo, kaiak, barranquismo e rápel.
«No mesmo día podes estar fundido e ás poucas horas ser ti quen tira do equipo», detalla Chaves sobre unha disciplina na que a cooperación, fortaleza mental e destreza física dos catro integrantes do conxunto son fundamentais. «Manolo e eu levamos unhas cantas destas xuntos e só cunha mirada xa nos entendemos, Bruno anda moi ben e Ceci estivo espectacular, foi a mellor de todos nós», destaca.
«Ademais da dureza das probas, tivemos que superar un clima e uns desniveis completamente distintos aos que hai aquí. Foron moitas horas a máis de 3.000 metros de altitude, pero déusenos ben. Todos os que nos gañaron eran infinitamente mellores ca nós», reflexiona o deportista viveirense sobre unha gran competición de raid que regresaba tras 15 anos sen celebrarse e estreou emprazamento no norte de África. Con catro horas de marxe sobre o límite de cinco días de competición, finalizaron no posto 18 da xeral.

«A primeira sección foron 40 quilómetros de trekking, logo 115 de bicicleta, outros 70 de trekking que acurtaron pola neve, remamos 26... Noutra sección tivemos que portear a bici durante horas por un barranco moi chungo ao que non se me ocorrería ir nin andando coa miña parella», conta Chaves duns días en Marrocos que superaron con moi poucas horas de sono. «Esta vez a nosa única meta era acabar, así que fomos sacando as tendas e durmindo algo polas noites entre sección e sección. Cando fago un raid de dous ou tres días non paro nin a durmir, pero esta vez eran cinco», di cunha longa experiencia en competicións de resistencia ás súas costas.
«O Raid Bimbache foi polo que comecei a facer este tipo de probas. É o cuarto ou quinto así de longo que fago, pero é o primeiro fóra de España. Levaba 15 anos sen facerse e, cando o sacaron, enseguida acordei vir con Bruno e Manolo. Custounos máis conseguir unha muller, pero foi unha sorte atopar a Ceci. Por loxística, con vós baratos e relativamente aquí ao lado, este é o gran raid internacional máis fácil de facer», conta Fabio, un asiduo da Camovi que, ao igual que Bruno Leal, se perdeu este ano a carreira de montaña de Viveiro polo soño de completar o Raid Bimbache.