Viveiro chora a morte de Balbina Álvarez, A Raia de Covas, que foi mariñeira, peixeira e nai dunha saga moi querida

VIVEIRO

Tiña 97 anos e será enterrada este domingo na parroquia de San Xoán de Covas
19 oct 2025 . Actualizado a las 14:35 h.Falar en Viveiro da Raia de Covas é falar dunha institución do mar. Balbina Álvarez Cabaleiro, que faleceu este sábado, 18 de outubro, ós 97 anos de idade, foi unha muller pioneira. Mariñeira, peixeira e nai dunha saga moi querida, contan os que a coñeceron que sempre traballou arreo e que, a base de moito esforzo, pero tamén de moito cariño, logrou sacar adiante nunha casiña situada no Río de Loiba, ó pé da praia e do monumento natural dos Castelos, en Covas, oito fillos: Ángel, Javier, Ramiro (Piru), Pupa, José Manuel (Pupo), María do Mar, José Luis (Choco) e Sol.
Balbina atendeu durante anos un posto na Ribeira, na Praza de Abastos de Viveiro, pero tamén vendeu peixe polas casas e por numerosas aldeas. Porta a porta. Nos últimos anos, un dos seus fillos, Pupo, colgaba con frecuencia nas redes sociais vídeos dela, nos que aparecía recordando vivencias doutros tempos e mesmo cantando. Sempre con alegría.
A familia enteira é moi coñecida e apreciada na Mariña, e ten unha importante pegada no sector pesqueiro. De feito, Choco é propietario da Peixería Grallal, en Covas, e do Chiringuito da Abrela, no Vicedo. Tres dos maiores, Piru, Javier e Pupo traballaron ata a súa xubilación como mariñeiros no Costa de África, un barco de baixura herdeiro do nome co que seu pai, Ceferino Chaves (marido de Balbina e falecido hai xa varios anos) decidira bautizar na década dos sesenta unha lancha de motor recén comprada co diñeiro aforrado logo de traballar en Mozambique, Mauritania ou Capetón (Ciudad del Cabo).
Fillos políticos, nenos, bisnetos, sobriños, curmáns e demais familia pregan unha oración polo eterno descanso dunha muller cuxa capela ardente está instalada no Tanatorio Alianza de Viveiro. A conducción do cadáver terá lugar este domingo, día 19, ás 11.30 horas, desde o tanatorio ata a igrexa parroquial de Covas, onde se celebrará o funeral.