VENTO DA TRAVESÍA | O |
16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O DOMINGO pasado o presidente da Deputación, nun entrañábel acto en San Vicente do Grove, nomeou a esta parroquia como San Vicente do Mar, que é o topónimo dunha urbanización. Os asistentes mostraren, automaticamente, a súa desconformidade e el rectificou correctamente. Uns días atrás, fora a presentación dun libro de Xoán Fuentes que, como se sabe, vive en San Vicente. Pois ben, a editorial Laiovento, no seu día, publicou «Lingüística e colonialismo. Pequeno tratado de Glotofaxia» de Louis-Jean Calvet, na traducción, precisamente, de Xoán Fuentes. ¿Cal é a relación entre unha cousa e a outra? Pode que ningunha, porque é arriscado facer interpretacións dun estudo, coma o do citado lingüista francés. Non obstante estou convencido de que hai relación. Nese ensaio plantéxase como o colonialismo, en realidade o que coxunturalmente é poderoso, cando chega a un lugar que vai a dominar pon nomes de seu e substitúe aos anteriores topónimos. Cita como exemplos, a Camerún -derivado de que os portugueses detectaren a presencia de camaróns no río- e aos indios delawares, chamados así por mor dun inglés Lord De la Ware, e explica como o menosprezo do aborixe polo invasor poderoso fai que este denomine de novo a pobos e lugares. Pois ben: o fenómeno do turismo é semellante. En San Vicente do Grove, alá polo ano 1969, apareceu Miguel de la Cierva e, en terreos que antes se chamaban A Barrosa, Espiño, Burato da Londra ou Civide, montou unha urbanización turística denominada San Vicente do Mar. Foi un topónimo novo para algo que xa o tiña de sempre. E provocou que, hoxendía, ata nas estradas, aparecese, coma se fora oficial, a denominación espuria. Esa actitude é unha falta de respecto ao autóctono sen que aínda se dean conta de que o futuro está na autenticidade. Pero hai esperanza porque o señor presidente soubo rectificar.