O OBSERVATORIO | O |
19 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CÓMICO, burlesco, divertido, transgresor. Este galego de Vilaxoán que marchou cos pais, Pepe Rubianes e Lola Alegret, á emigración barcelonesa en 1953, anda estes días no trebón da tormenta política iniciada polo alcalde de Madrid, ao negarlle o Teatro Real para representar nel a obra Lorca eran todos . Hai máis de cincuenta anos que deixaron atrás os traballos de mariñeiro e costureira na ría de Arousa, para fundar a pensión Rubiprat, no Born, que deu comida e estudos universitarios a Pepiño e á súa irmá, Mari Carme. Iniciouse como actor, con dezaseis anos, facendo unha representación para cegos, e xa non parou de subir ao escenario; compañías de enorme prestixio como Dagoll Dagom ou Els Joglars tivérono entre o seu elenco. A súa maior popularidade acadouna coa versión televisiva da personaxe de Makinavaja. Pero foron os seus monólogos o que lle xerou máis fidelidade entre o público. Neles non queda ninguén indiferente, reparte duro, tanto lle ten se goberna Pujol, Aznar, Zapatero, Fraga ou Ibarretxe. Bate en todos. Practicando a controversia sobre todas as ideas, incluída a da unidade da patria. Fáino porque non é verdade que haxa valores sagrados, porque todo é criticable e opinable, en sistemas e mentalidades verdadeiramente democráticas, claro. Outro cómico monologuista, Lenny Bruce padeceu semellante persecución, multas, xulgamentos e cárcere polas súas opinións políticas, relixiosas ou de hábitos sociais, tamén acusado de obsceno, irreverente e provocador. Rehabilitado oficialmente uns anos despois, outorgáronselle o título de mellor cómico americano de todos os tempos. Con Pepe Rubianes a historia maniféstase no sentido contrario; en Cataluña xa lle concederon os principais premios, agora tócalle sesión de intolerancia, cos seguidores de Torquemada prendendo tres fogueiras nunha: Lorca, Cataluña e a liberdade de expresión.