VENTO DA TRAVESÍA | O |
02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.A HISTORIA de Galicia posterior á Guerra Civil ten, para uns, unha eiva e, para outros, unha vantaxe: o piñeirismo. A grandes riscos, o fenómeno consistiu, en que, tendo como figura central a Ramón Piñeiro, a maioría dos intelectuais galegos intentaren retirar á cultura da loita política e convivir coa ditadura para acadar que a defensa do galeguismo e, particularmente, do idioma, fose patrimonio común. Esta estratexia, da que incluso se mostrou herdeiro unha facción do PSOE, levou á desintegración do Partido Galeguista, nacionalista, pero, tamén, á creación da editorial Galaxia e da revista Grial ou a que, hoxe en día -e quen llo diría a aquel vello Ministro de Información e Turismo e do Interior- ata os partidos da dereita, non sendo Rajoy -que foi o único que se negou a falar en galego no Parlamento galego- defendan, ao seu xeito, o noso idioma. Pero esta idea, que resumo, de mesturar o nacionalismo coa cultura, e que profundou na poboación a través da formación escolar, tamén provocou, a diferenza de Euskadi e de Cataluña, unha falta de formación política na poboación e, polo tanto, unha dificultade colectiva de asumir os valores políticos de cada sector, sobre todo do nacionalismo. Baste pensar, a modo de exemplo, que varias xeracións estudamos a Castelao, ou a Otero Pedraio, como escritores, pero non como políticos e, incluso, hoxe, tódolos partidos reivindican tales figuras sen facer referencia á súa calidade, sobranceira, de políticos nacionalistas. Esta mestura promovida polo piñeirismo está, pois, detrás das dificultades do nacionalismo galego de acceder aos niveis de resultados políticos do nacionalismo nas outras nacións do Estado. E esta situación so se pode mudar a través da formación, da cultura, da educación. Faise preciso un labor permanente de formación que permita a cada un elixir, sen confusionismo ideolóxico, a opción de seu.