Oito clubs crean a Asociación do Deporte Meco coa defensa do traballo de canteira como bandeira
AROUSA
A boa saúde do asociacionismo grovense ofrece multitude de probas. A máis recente procede do eido deportivo, e chega baixo o rótulo de Asociación do Deporte Meco (ADM).
Oito clubs da localidade arousá veñen de anunciar a inminente constitución oficial dunha entidade que a efectos prácticos xa está a funcionar, e que naceu das primeiras reunións que desde hai algo máis dun mes manteñen a Unión Sociedad Deportiva Grove, Club de Remo Mecos, Club Baloncesto O Meco, Amegrove Club de Remo, Rasoeiro Balonmán, Sociedad Deportiva Amanecer e Club Marítimo Deportivo e Cultural Breogán. O Club Rapas Corchos Club de surf, en proceso de fundación, foi o último en sumarse á iniciativa.
Félix Lamas, presidente do Breogán e voceiro da Asociación do Deporte Meco ata a constitución oficial da entidade, explicou onte que esta nace das «dificultades coas que nos atopamos os clubs deportivos para manter as nosas actividades, e que ano a ano vanse facendo máis costa arriba ao incrementarse os desembolsos que debemos realizar para manter os nosos diferentes equipos e actividades». Fronte a este panorama, a Asociación do Deporte Meco busca «poñer os problemas enriba da mesa e tentar buscar solucións en conxunto, tratando de ter máis ingresos». Un labor destinado a un obxectivo central: «o mantemento do deporte base» do Grove.
Facer forza
Das primeiras reunións dos membros da Asociación do Deporte Meco xurdiron xa varias ideas e propostas, «e consideramos que poñelas en funcionamento é máis factible se o facemos en conxunto, polo que decidimos crear a asociación», comenta Félix Lamas. Con ela os seus integrantes agardan conseguir «unha mellor canalización do noso traballo e, ao mesmo tempo, ter máis forza ante as distintas administracións na procura dos nosos obxectivos», apuntou onte o voceiro da ADM.
De feito, a primeira actuación da agrupación de clubs consiste nunha reunión esta tarde co edil de Deportes do Grove, Fredi Bea. Na casa consistorial, a partir das 20.30 horas, os representantes da Asociación do Deporte Meco presentaránlle a mesma ao concelleiro, nunha toma de contacto inicial na que agardan coñecer de primeira man as propostas e proxectos do cuatripartito para o deporte local.
Á espera da xuntanza con Fredi Bea e da inminente constitución oficial da ADM, Félix Lamas preferíu non facer públicas aínda as propostas xurdidas das primeiras reunións de traballo da agrupación de clubs grovenses. Iso si, xa adiantou a intención dos seus membros de «ir avanzando en diferentes frontes antes de meternos nas festas navideñas», nas que a actividade da ADM, coma as de case tódalas asociacións sociais, sufrirá o inevitable parón.