Á venda os abonos para a programación do auditorio

La Voz

AROUSA

25 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Mañá mércores poranse á venda os abonos para asistir aos seis espectáculos que o Concello e Caixanova programaron para a segunda parte da temporada cultural do auditorio. Entre abril e xuño ese escenario albergará montaxes de ballet, música clásica e teatro.

Os abonos poderanse comprar ata o trece de abril a través da páxina web www.caixanova.es e na billeteira telefónica 902 504 500. Os prezos son de 68 euros na zona A do patio de butacas, 57,80 euros na zona B, e 47,60 na zona C. Estes prezos supoñen un aforro do 15% con respecto á compra individual das entradas para os seis espectáculos.

Unha vez rematada a venda dos abonos para esta temporada abrirase o prazo para a adquisición por separado das entradas de cada unha das funcións.

Ao longo deste segundo trimestre do ano, o público poderá asistir á representación do ballet A bela durminte , por parte do ballet de San Petesburgo. Cinco días despois ofrecerá un concerto a Real Filharmonía de Galicia.

O teatro chegará en maio, e farao coas dúas representacións previstas da obra de Xosé Neira Cruz, Valdemuller. O Centro Dramático Galego interpretará esta peza os días 8 e 9.

A arte escénica continuará o día 25 dese mes coa obra Gatas , na que participan as actrices Silvia Abascal e Rosario Pardo. Xa en xuño, o actor, monologuista e músico galego Nancho Novo porá en escena o día 13 Sobre cerdos y flores , e o Centro Dramático Galego pechará a temporada con DramA3 , o día 27 de xuño.