Lindner pecha a tempada con dous Campionatos de España e unha Copa

AROUSA

04 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Tres títulos estatais fan do 2009 a mellor tempada na ata agora curta carreira do vilagarcián Pablo Lindner no mundo da motonáutica de competición. O último deles, o título de vencedor do Campionato de España de Offshore na modalidade de runabout pro superstock. Ou o que é o mesmo, de raid (offshores), con carreiras de entre 90 e 100 millas, nunha especialidade na que os deportistas compiten sentados (runabout) sobre máquinas modificadas ao gusto e posibilidades do seu piloto (superstock).

Lindner tivo que agardar á derradeira proba do calendario, o pasado 18 de outubro en Nerja, para adxudicarse o seu último éxito, nunha cita á que chegaba con 2 escasos puntos de diferenza sobre o seu inmediato perseguidor. Casualidades da vida, a carreira rematou cos tres mellores pilotos da clasificación retirados por problemas mecánicos. Tamén en offshore, en Sanxenxo foi terceiro na Copa do Rei.

Máis sinxelo lle resultaron a Lindner os seus dous títulos en Circuito na modalidade de stock (motos de auga de serie, nas que só se poden modificar o manillar, o gatillo e a columna da dirección). En Amposta, Tarragona, o vilagarcián alzouse coa Copa do Rei a finais de xuño, á que sumou o Campionato de España da especialidade, que xa tiña no bote ao termo da cuarta e penúltima proba do calendario, disputada en Orellana, Badaxoz. Con 240 puntos, Lindner sacoulle 68 ao subcampión, Juan Alogín.

Ademais do calendario estatal, Pablo Lindner competíu no Campionato de Europa Offshore de runabout stock. Ao termo das tres probas puntuables, en Murcia, Portugal e Francia, concluíu na sétima praza da clasificación con 250 puntos, a 12 puntos do sexto, o tamén español Kuder Benadel, e a 24 do quinto, o británico Seth Wilkinson.

A comezos de xuño, en Córcega, o galego participou tamén nunha proba do Mundial de Circuito en superstock, pero un problema mecánico impedíulle rematar a carreira.

O piloto arousán, que compite baixo as cores do equipo Jet and Bike do Club Motonáutico Combarro, asinou os seus brillantes resultados a lomos dunha RXP Bombardier, nas probas de circuito, e dunha Kawasaki Ultra, no caso do offshore.

Para Lindner, que o ano pasado gañara as Copas do Rei de Circuito e de Ralijet en stock, a clave do seu éxito no 2009 sustentouse en tres patas: «Mi entrenamiento, la fiabilidad de las motos con las que competí, y mi equipo».

Respecto a este último factor, o dobre campión nacional comenta que «en offshore éramos el equipo que hacía los repostajes más rápidos». Por iso, «quiero agradecerles su trabajo a mi mecánico, Marcelo Soares, a mis asistentes -vilagarciáns-, Gonzalo Navarro, Borja Sánchez y Antonio Vázquez, y a mi preparador físico, Fernando Cunha».