Establecimientos Otero e Charol parten con opcións de podio nos campionatos galegos Sub 23 e Alevín

La Voz VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

27 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O parón das ligas, agás para aqueles equipos que aproveitan para disputar partidos aprazados ou adiantar futuros compromisos, dá paso esta fin de semana á celebración dos campionatos galegos de tenis de mesa nas categorías Sub 23 e mais Alevín. Unha cita que se desenvolverá entre hoxe e mañá no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra, e á que o Cambados Tenis de Mesa despraza dous conxuntos con serias aspiracións de podio.

Na categoría Sub 23 Masculina, o Establecimientos Otero é unha desas opcións. Adrián Vidal, Fernando Padín, Pablo Regueiro e Martín Regueiro compoñen o plantel cambadés.

Os catro integrantes do Establecimientos Otero parten asimesmo con posibilidades de facer un bo autonómico no cadro individual e no de dobres. Neste último caso, coa parella formada por Adrián Vidal e por Fernando Padín como principal baza.

O Charol é a opción do Cambados TM na competición Alevín Feminina. Paula Padín, Andrea Chaves e Mariña Chaves teñen, segundo o club arousán, serias posibilidades de rematar entre os tres mellores conxuntos no Pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra.

En Cambados confíase ademais en poder disfrutar dun triplete de Paula Padín, agardando dela tamén un bo campionato tanto no cadro individual como no de dobres, formando dúo con Andrea Chaves.

Liceo contra Monteporreiro

Mentres o Cambados TM se centra nos campionatos galegos, o Liceo Casino loita esta tarde ás cinco no colexio Arealonga de Vilagarcía polo liderado en solitario do Grupo 1 da Primeira División Nacional. Enfronte, o Enmacosa Monteporreiro, co chinés e ex Superdivisión Liu Junhui á fronte.