Pinto e Cobiñas: «Somos uns elementos»

Marta Valiña CARBALLO / LA VOZ

AROUSA

V Televisión estreará o luns a terceira tempada de «Para mariñeiros, nós»

11 feb 2011 . Actualizado a las 10:32 h.

O próximo luns, ás 20.50 horas, comezará en V Televisión a terceira tempada de Para mariñeiros, nós, na que Suso Lista e Manuel Castro dan vida, respectivamente, a Pinto e Cobiñas, os mariñeiros con máis retranca da Costa da Morte. Con eles chegarán novas personaxes, moitas máis historias e ata zombis. Un pouco de todo nunha serie que é candidata aos premios Mestre Mateo. «¡Quen nos verá ao lado de Martin Sheen!», di Cobiñas nun descanso da gravación.

Pregunta. ¿Que novidades haberá na terceira tempada de Para mariñeiros, nós?

Suso Lista. Haberá novas personaxes, novas tramas e máis frescura, aínda que os guións seguen na mesma onda.

Manuel Castro. Incluso haberá zombis e varios cameos de famosos, como Chema Gagino ou Quico Cadaval. Tamén preparamos unha parodia de Operación Triunfo.

S. L. Os que non cambiamos somos Pinto e Cobiñas, que somos os mesmos elementos de sempre.

P. ¿E chegará o momento no que paguen todo o que deben na taberna? ¿Sairalles algunha vez algo ben?

S. L. Nós temos cartos sempre, o que pasa é que non se nos ven. Temos cartos, pero estamos sempre sen eles. É como na vida mesma. Iso pásalles a moitos mariñeiros, que cando cobran xa teñen que pagar o que deben e andan sempre empufados.

M. C. Ás veces si que nos saen as cousas ben. En realidade sempre, porque sempre estamos na taberna e, mentres que teñamos a copa chea, todo vai ben.

P. O que si está claro é que Pinto e Cobiñas non traballan moito.

S. L. E que sempre está mal tempo e cando hai bo tempo tamén é malo, porque o peixe está escondido, así que para que imos ir.

P. ¿De onde saen as historias que contan na serie?

S. L. A maioría dos guións están baseados en historias que coñecemos e moitas veces a realidade supera á ficción mil veces. En ocasións, temos que autocensurarnos, porque as historias serían incribles incluso nunha serie. Para facer os guións, séntome, póñome e en 45 minutos téñoo listo. O único problema é que, como Pinto, son bastante langrán.

P. ¿Séntense identificados os protagonistas reais coas historias que contan?

S. L. Moitas veces. Onte mesmo preguntoume un veciño se a galiña que come camaróns e percebes, da que falamos nunha das escenas, era a da súa muller.

P. ¿Ninguén o toma mal?

S. L. Non. Penso que é porque facemos as cousas tan ambiguas que, ao final, ninguén se da por aludido.

M. C. Ao contrario. Á xente gústalle moito e iso é unha sorte para nós, porque eu antes ía aos sitios e ninguén sabía quen era. Agora convídanme a todo e iso xa é unha recompensa.

suso lista e manuel duarte pinto e cobiñas