Un concerto conmemora o día do autismo na biblioteca da Illa

vilagarcía / la voz

AROUSA

31 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O sábado conmemórase o día mundial do autismo e a biblioteca da Illa non quixo pasar por alto esa data. Será mañá venres cando organice unha nova actividade relacionada con este tema, despois de que hai algúns días nenos con e sen autismo compartisen unha sesión de contos.

O programa titulouse Alza a túa voz e estará dirixido, nesta ocasión, á xente nova do colexio de Bata e do instituto da Illa. Terá lugar, polo tanto, mañá venres a partir das once e media da mañá. A actividade comezará cun concerto, no que os rapaces de Bata interpretarán o tema Bienvenidos, de Miguel Ríos e os do instituto da Illa cantarán ¿Por qué no ser amigos?, de El canto del loco.

Continuará a sesión cun taller de contacontos, que programaron os rapaces de Bata, pero no que farán participar tamén aos alumnos da Illa. Neste caso, Torrente visitará a biblioteca arousá para participar nun club de poetas.

Para finalizar, os rapaces dos dous centros educativos asumirán o reto de completar un puzle que a bibliotecaria da Illa, Ángela Otero, preparou basándose no logo do autismo.

Antes de despedirse, os participantes na actividade terán a ocasión de compartir un pinchiño, unha ocasión máis para coñecerse mellor e intercambiar experiencias.

Hai uns días foron os pequenos do centro Os Mecos, de Baión, e mais os do colexio Torre os que participaron noutra interesante convivencia na que os contos relatados por uns e por outros tomaron o protagonismo. Agora serán os maiores os que participen neste novo programa que puxo en marcha o centro de lectura arousán.

Con esta proposta, a biblioteca quere tamén comezar os actos de conmemoración do Mes do Libro, que se celebra cada ano en abril.