Cándido Pazó revisita as «Memorias dun neno labrego»
08 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.sábado de teatro no auditorio
Balbino, ese personaxe ao que hai medio século lle deu voz Xosé Neira Vilas nas súas Memorias dun neno labrego, nacera, como é ben sabido, terra adentro. Pero cinco décadas despois, Cándido Pazó quixo demostrar que hai moitos balbinos, lonxe do mar, pero tamén na costa. Balbinos que, «se cadra non sacharon as leiras, pero que si sacharon no mar». Pensando en todos eses balbinos, ou nos fillos ou nos netos doutros balbinos, Pazó puxo en marcha hai agora un ano as súas Memorias das memorias dun neno labrego.
Despois de percorrer toda Galicia e de dar o salto aos escenarios da emigración, Cándido Pazó regresa a Vilagarcía, unha praza «onde hai que estar», di o propio artista, convertido nesta peza en director, adaptador e cómico-narrador. E porque é un sitio no que hai que estar, a compañía Abrapalabra decidiu arriscar e vir co modelo de xestión que a crise está impoñendo no eido cultural, polo que consiga recadar na billeteira.
Sesenta representacións
Despois dun adianto na Illa de Arousa, estas Memorias das memorias dun neno labrego foron estreadas en Santiago en xaneiro do ano pasado. Desde entón xa van alá máis de sesenta representacións, cunha gran acollida por parte do público e co recoñecemento da crítica, unha mestura que non sempre é doado acadar.
Lógrao Cándido Pazó combinando as doses xustas de emoción e de humor, de materiais da tradición oral e doutros acubillados na memoria colectiva dos galegos, coa xusta medida de elaboración e de improvisación.
Todo elo, hai que destacalo, e máis atopándonos onde nos atopamos, enriquecido cunha videocreación da que son autores dous mozos do Grove, Nano Besada e Rubén Prol, aos que por suposto non esqueceu Cándido Pazó onte, no acto de presentación do espectáculo, no que estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Ángeles Rodríguez. E sen esquecer tampouco a música orixinal, composta para a ocasión.
A obra toma a forma dun monólogo sobre o escenario, porque «os tempos non están para máis», recoñece o artista. Un monólogo co que conseguiu satisfacer mesmo ao creador orixinal da peza, Neira Vilas.
A representación terá lugar este sábado a partir das nove da noite. O prezo das entradas será único para as tres zonas do auditorio, oito euros. Os tiques poden adquirirse xa por Internet a través da páxina web de Novacaixagalicia, www.servinova.es. Neste caso os espectadores deben pagar un euro e medio máis polos gastos de xestión. Para quen o prefira, tamén pode mercar os pases ese mesmo día na billeteira do auditorio, desde dúas horas antes de que comece a función.
Cándido Pazó animou onte aos vilagarciáns a acudir a ver esta función o sábado. Sobre todo porque «estivemos na Illa e máis en Cambados, e hai que demostrar que quen manda, manda», retou o artista tirando do seu sentido do humor. A ver quen gaña, logo.
A obra toma forma dun monólogo porque «os tempos non están para máis»