O Atlético Arousana gaña a Copa Galicia e mañá pelexará a da Deputación

Vilagarcía / La Voz

AROUSA

As de Nando impuxéronse 2-0 ao Tordoia, e agora tentarán o máis difícil todavía fronte ao El Olivo

21 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atlético Arousana xa ten a primeira nas súas vitrinas, e mañá pelexará pola segunda. O conxunto que dirixe Nando González impoñíase o domingo no campo de Baño, Valga 2-0 ao Tordoia na final da Copa Galicia ou Federación, o torneo do k.o. para os equipos galaicos na Segunda División Feminina, a categoría de prata española.

Un tanto olímpico de Míriam Señoráns no minuto 24 de partido abríu a lata, logo de varios achegamentos vilagarciáns estrelados ante o muro defensivo do conxunto coruñés.

Como nos últimos anos, o Tordoia púxelle as cousas moi difíciles ao Atlético Arousana. Sobre todo nunha segunda parte que se igualou, e da que as de Nando saíron airosas en gran medida grazas ao bo facer da súa porteira, Rocío. Ela abortou o excelente par de ocasións das que dipuxo o cadro rival, sostendo o Arousana ata que Nuria Rábano, a pichichi do equipo e da Liga, mataba a final co seu tanto no minuto 85.

Xogaron polo cadro vilagarcián: Rocío, María Arufe, Caro, Zaira (Laura, min 74), Ariane, Míriam Señoráns (Bárbara, min 49), Sara González, Cristina, Carla, Belén (Alejandra, min 89) e Nuria Rábano.

O Atlético Arousana buscará agora revalidar o seu dobrete da tempada 2014/15, cando se proclamaba campión da Copa Federación da Primeira Autonómica e da Copa Deputación. Neste último torneo mañá mércores xogará a gran final, a partir das nove da noite no campo redondelán de Santa Mariña. Faráo ante nada menos co campión do Grupo 1 da Segunda Nacional, o El Olivo de Vigo.