Se non tes xogadores, préstochos para me ganares

AROUSA

Os ingleses compite co Ferrol en partido de Liga Galega Sub-14 con rugbieres cedidos polo rival

31 ene 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

O rugbi ofreceu a pasada fin de semana outro deses deliciosos episodios que o converten na reserva dun espírito deportivo esmorecente noutras moitas disciplinas con máis focos, pero quizais menos brillo tras unha fina pátina dourada. Desta volta, e xa non é a primeira vez, cos Ingleses R.C. polo medio. Só que nesta ocasión coma beneficiarios, que non triunfadores, da enésima mostra de deportividade da especialidade que xira arredor dun balón oval.

Na mañá do pasado sábado o conxunto Sub-14 que dirixe o tamén adestrador do primeiro plantel vilagarcián José Ramón Santorum, Ju, procedía a disputar o seu partido de Liga Galega co C.R. Ferrol. O problema é que o cadro arousán tan só dispoñía dos trece efectivos xustos -este é o número de rugbieres de saída ao campo na categoría, fronte aos quince de etapas superiores- para medirse a un rival que viaxaba ben provisto, con 23 rapaces da súa canteira. Non obstante, a superioridade numérica nunca se materializou. E se ben o partido rematou con 17-21 a prol do cadro foráneo, o triunfo puido ter caído para calquera dos dous lados, despois de que o técnico do C.R. Ferrol decidise cederlle, cos seus rapaces encantados, a tantos xogadores coma precisase a Ju para que o seu equipo non sufrise os rigores dun desgaste extra. Máis sendo o plantel arousán un equipo cheo de rugbieres inda en idade Sub-12.

 

Ju falaba onte do episodio coa naturalidade de quen realmente o vive coma algo normal no seu deporte. «Antes de la categoría Sub-14 no hay ligas, y los chavales juegan entre sí en concentraciones. El CRAT y el Universidade de Vigo tienen muchos niños, pero los clubes que tenemos pocos los solemos reunir en equipos. Muchos de nuestros chavales conocían a otros de Ferrol, y algunos ya son amigos». Unha relación persoal que forma unha simbiose perfecta co interese formativo dos adestradores de rugbi. «Prestándonos jugadores Ferrol pudo darles más minutos de juego a los suyos».

O técnico dos Ingleses di que este tipo de accións «no es algo excepcional», nun mundo no que «al final todos somos amigos», e no que «todos pensamos que cuantos más equipos haya, más van a jugar nuestros chavales. Si un equipo se presenta con once jugadores y nosotros tenemos catorce, salimos con once». Dío a mesma persoa que no 2015 corrixíu a un árbitro nunha touch que lle concedera ao seu equipo, dándolla este ao CRAT, para rematar nun ensaio definitivo que decantou unha semifinal de Liga Galega Sub-16.

 

O conxunto sénior é segundo tras superar o Muralla

Tampouco competíu o domingo sobrado de efectivos o primeiro plantel dos Ingleses R.C. No seu caso, con numerosos mancados que deixaron nos quince xustos os homes cos que o equipo de Ju se medíu ao Muralla R.C. de Lugo. A escaseza de homes do cadro visitante, e a condición deste de pechacancelas facilitou un triunfo final por 36-0, con bonus ofensivo. Marcador enganoso que agocha un choque moi disputado. Con ensaios de Juan, de Xoán, de Capeich, de Wilco, de Manolito e de Alejo, máis tres transformacións de Wilco. Os Ingleses sobe á segunda praza, empatado a 27 puntos co Keltia, terceiro.