
O club ultima tamén a fichaxe do defensa Christian e do punta Sabino, os dous futbolistas que hai dez días marcharan tras pedírenlles na Illa outra semana a proba
24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A directiva e o corpo técnico do Céltiga confían en pechar o día de hoxe con tres xogadores novos no seu plantel. Os seus nomes, Suso Martínez, Christian e Sabino, un trío coñecido en maior ou menor medida nas oficinas e no banquiño do Salvador Otero.
Do primeiro dos nomes, pouco que dicir. O lateral zurdo abandonaba dúa semanas atrás o vestiario do Arousa tras tempada e media, nunha saída vendida por ambas partes como unha operación de mutuo acordo que contrasta coas declaracións do futbolista subliñando o moi a gusto que estaba no seu xa exequipo. Tras a súa primeira intención de elixir rapidamente un novo destino na Terceira, e volver canto antes ao traballo diario de grupo, con media ducia de proposicións enriba da mesa Suso optou finalmente por tomarse algo máis de tempo. O luns cumpría co segundo dos seus desexos, incorporándose ao traballo do primeiro equipo do Céltiga dirixido por Manolo Núñez. Fíxoo sen compromiso ningún co club illense, un dos seus pretendentes. Hoxe a directiva confía en rematar de convencer o carrileiro, sabedora de que dificilmente atopará outro futbolista da súa calidade individual para reforzar o seu torcido plantel no sempre complicado mercado de inverno. E mais, cando xa só resta unha semana para poder pechar contratacións.
Os outros dous nomes que poderían converterse en novos xogadores do Céltiga son o de Christian e o de Sabino. O primeiro, un lateral/central zurdo de 23 anos procedente do Atlético de Coín malagueño, e o segundo, punta de Guinea Bissau de 24 anos que tería chegado do Diocesano de Ávila; ambos os dous, da Preferente. A parella estivo hai quince días a proba co Céltiga, pero Núñez non rematou de poder ver o seu nivel polo andazo de gripe no seu plantel, tendo que volver aos seus clubs de orixe. O luns regresaron, con idea de quedarse.