Os Ingleses volve á fase de ascenso a D.H.B catro anos despois

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os de Ju Santórum resolveron onte pola vía rápida a súa semifinal fronte ao Pontevedra-Mareantes R.C. cun 53-0 ao descanso, e cun 68-20 no marcador definitivo

25 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Minuto 7, ensaio de Brea. Minuto 12, ensaio de Manu. Minuto 19, ensaio de Prado con transformación de Alejo. O plan ideado por Ju Santórum para resolver pola vía rápida a semifinal da Liga de Primeira División Galega co Pontevedra-Mareantes R.C. saíu na tarde de onte a pedir de boca no Estadio de Atletismo de Fontecarmoa. Cos Ingleses R.C. disuadindo nos 20 primeiros minutos do partido de volta o seu veciño de calquera soño de remontada, co 14-32 traído xa de vantaxe do partido da ida trece días atrás en Monteporreiro. O cadro local íase ao descanso 53-0, rematando o choque cun 68-20 que máis aló de outorgarlle a primeira praza na final polo título autonómico, dálle aos Ingleses o dereito a participar de novo na fase de ascenso á División de Honra B do rugbi español catro anos despois.

Outros dous ensaios de Manu, con transformación de Alejo, e de Prado, tres de Juan, dous deles con transformacións de Jairo, e un máis de Xoán cunha cadencia de entre 3 e 5 minutos sumaron o 53-0 ao descanso. Á volta do receso Ju aproveitou para darlles descanso aos seus rugbieres máis cargados no que vai de tempada, e para poñer en acción os que menos oportunidades viñeron tendo. Iso, e a lóxica relaxación local, facilitoulle ao Pontevedra Mareantes R.C. recurtar a diferenza ao termo do encontro nunha segunda parte de puro trámite.

Os Ingleses xogará a final da Primeira División Galega, a partido único, o sábado 10 de marzo no Estadio de Atletismo de Fontecarmoa co gañador da eliminatoria entre o Keltia In Peccatum e o C.R. Ferrol, con este último indo hoxe a Ourense cunha ampla renda de 46-13 do duelo de ida.

Ju Santórum salientaba ao termo do cruce co Pontevedra Mareantes R.C. que «todos estamos muy contentos en la plantilla. Nuestro primer objetivo era ganar la fase regular, el segundo meternos en la final y la fase de ascenso; y el tercer objetivo es ahora ganar el título». Por diante, dúas semanas para preparar a gran final de Fontecarmoa.