Veloso e Sánchez, co pelotón no esprint final da primeira etapa do Jornal de Noticias
AROUSA

Os arousáns do W52-FC Porto afrontan hoxe unha etapa de transición sobre o papel
29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Grande Prémio Jornal de Noticias cubríu onte sen sobresaltos a primeira das súas sete etapas, con 127 quilómetros con saída e chegada a Viseu. Cun final ao esprint dalgo máis da metade das 99 unidades que conforman o pelotón nunha das principais citas do calendario do ciclismo luso. Rafael Silva, do Efapel, vestíuse a primeira camisola de líder, impoñéndose ao seu compañeiro no Efapel Daniel Mestre e a César Fonte, o velocista no grupo de sete gregarios que arroupan a Gustavo César Veloso. Tanto o vilagarcián, declarado aspirante ao triunfo na xeral, como os seus sete compañeiros de escadra, entre eles o cambadés Ángel Sánchez, entraron no grupo principal.
Anulada a intentona de Guillaume Almeida (Fortunna/Maia), de Gonçalo Amado (ACDC Trofa/Trofense) e de Filipe Cardoso (Rádio Popular-Boavista) a algo menos de 30 quilómetros de meta tras o paso pola terceira e última dificultade montañosa do día, de segunda categoría, a clasificación xeral tras a primeira xornada vén marcada polas bonificacións. Con Rafael Silva con 10 segundos de vantaxe sobre os clasificados entre o oitavo e o 56º. postos, con 4 de colchón sobre Mestre, e 6 sobre Fonte.
Hoxe toca unha aparente etapa de transición. Con saída desde Viana do Castelo e 127,5 quilómetros de percorrido con tan só dous altos de terceira categoría no trazado; o último deles inda a 20 quilómetros da meta de Monção. A crono individual de 9,5 quilómetros de mañá á tarde, tras un primeiro sector en liña de 78 quilómetros, debería comezar a marcar as diferenzas.