
A competición autonómica arrinca esta tarde en Baiona, cos tres clubs da beira sur da ría de Arousa na primeira división masculina, e o vilagarcián cunha segunda tripulación, na feminina
16 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A Liga Galega de Traíñas 2018 bótase ao mar esta tarde. Coa primeira proba puntuable da tempada, a Bandeira 525 Aniversario da Arribada da Pinta-Baiona para as embarcacións das súas tres categorías, a LGT-A, a LGT-B e a LGT Feminina. Na primeira e na última, con catro tripulacións da beira sur da ría de Arousa.
O C.R. Vilaxoán, o C.R. Mecos-Mondariz e o Amegrove C.R. volverán competir un ano máis na LGT-A. Tres proxectos, e tres horizontes de partida completamente distintos, co único denominador común na continuidade dos seus tres técnicos.
Logo do seu terceiro posto a tempada pasada, o C.R. Mecos-Mondariz semella en disposición de volver pelexar polos postos con dereito a disputar os vindeiros play-offs de ascenso á ACT, mesmo aspirando ás bandeiras da man de Fran González, na segunda tempada tras a volta do técnico que levara o equipo grovense ás maiores cotas deportivas da súa historia.
Coa continuidade da súa tripulación titular ao completo, e con tan só pequenos retoques na súa segunda unidade, o C.R. Vilaxoán parte con intención de subir un par de chanzos respecto á súa oitava praza na LGT-A 2017. Gelo Tarrío será, por undécima tempada, o adestrador. E na LGT Feminina, o club vilagarcián agarda o primeiro de moitos cursos da primeira traíña feminina na traxectoria da entidade.
Amegrove conta por segundo ano con Diego Cabaleiro como estratega da traíña mexilloeira, que semella ter perdido potencial, e ameaza con ter que pelexar pola mera permanencia.