
Con bo pé comezaba na tarde de onte o vilagarcián e xefe de filas do W52-F.C. Porto, Gustavo César Veloso, a súa participación no Grande Premio Internacional Torres Vedras-Troféu Joaquim Agostinho. Asinando o cuarto mellor tempo na contrarreloxio individual de 8 quilómetros en Turcifal que servíu de prólogo a unha cita que anuncia a inminencia da Volta a Portugal, que arrincará a finais deste mes. Veloso completou o percorrido en 10 minutos e 45 segundos. A 12 segundos de Rafael Reis, do Caja Rural/Seguros RGA, que repetíu o seu triunfo do ano 2016, desta volta en 10.33. José Fernandes (W52-F.C. Porto) foi segundo a 3 segundos, e Nicholas Schultz (Caja Rural/Seguros RGA) terceiro a 10. O cambadés e gregario de Veloso, Ángel Sánchez, empregou 11.34, asinando o 47º. crono dos 113 participantes.
Veloso arrinca deste xeito a primeira das tres etapas en liña do Torres Vedras como primeiro favorito á xeral, xusto por diante de Jóni Brandão (Sporting Tavira), a 1 segundo do vilagarcián, de João Benta (Radio Popular/Boavista), con 5 segundos máis, e do estradense Álex Marque (Sporting Tavira), a 6. Hoxe, 162 quilómetros entre Torres Vedras e Sobral de Monte Agraço.