
Onte vivíu un día tranquilo tras o seu desfalecemento o domingo
07 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O corredor italiano do Mistina Focus Riccardo Stacchiotti impúxose onte ao esprint na quinta xornada en liña da Volta a Portugal, no que foi o seu segundo triunfo na rolda lusa tras ter gañado da mesma maneira a primeira etapa. Coa súa vitoria na meta de Viseu logo de 191,7 quilómetros de carreira con saída desde Sabugal, Stacchiotti iguala os dous triunfos conseguidos polo líder do W52-F.C. Porto e, desde o sábado, tamén da clasificación xeral da Volta, o alacantino Raúl Alarcón.
Unha xeral para a que inda resta a metade da Volta, con catro etapas máis en liña e unha contrarreloxio individual de 17,3 quilómetros o domingo. Porén, o vilagarcián Gustavo César Veloso, compañeiro de Alarcón, chega hoxe á xornada de descanso da rolda lusa descartado da pelexa por sumar o que tería sido o seu terceiro título na Grandissima logo dos do 2014 e 2015.
A forte calor, con temperaturas por riba dos 40 graos, está a ser o peor inimigo do pelotón da Volta, e a razón que semella agocharse tras o desfalecemento de Veloso o domingo na ascensión ao porto de categoría especial de Penhas da Saúde. No camiño o vilagarcián deixouse nada menos ca 15 minutos e 23 segundos. E iso que a organización decidira asumir a recomendación da UCI de reducir a quilometraxe da etapa en 29 quilómetros e eliminar o outro alto especial do día, a mítica subida a Torre. Veloso xa perdera o día anterior 1,05 co seu compañeiro Alarcón, que en Penhas da Saúde encadeaba o seu segundo triunfo na Volta a Portugal 2018. O mércores Veloso retomará a carreira no posto 45 a 16.31 dun líder que ten en Joni Brandão o seu principal rival a 52 segundos. O estradense Álex Marque, compañeiro deste no Sporting, é noveno a 3.49.