O Céltiga traza unha liña vermella co despido de Jardel e de Canhoto

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O club lanza unha mensaxe rotunda ao vestiario fronte aos actos de indisciplina

25 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Céltiga consumou a primeira hora da noite de onte a crónica de dous despedimentos anunciados. Os dos futbolistas lusos Mário Jardel júnior e Canhoto, cuxo destino quedaba virtualmente selado na noite do xoves ao decidir o técnico do equipo illense, Manolo Núñez, apartalos da disciplina do club pola súa ausencia nos adestramentos dese día e da véspera sen xustificación ningunha. O seu futuro na Illa pasaba entón a mans da directiva que preside Juan Ramón Rial. Desde os despachos do Salvador Otero insistíase o venres que nada estaba decidido, e que nada se decidiría ata a xuntanza semanal do luns dos integrantes da dirección colectiva que fixa a política e a xestión diaria da entidade. Mais, coñecida a tradición no Céltiga de esixir dos seus futbolistas e demais traballadores o cumprimento estrito das súas obrigas no mesmo grao de puntualidade co que o club cumpre os seus compromisos con eles, dificilmente debía de haber alguén no lugar que dubidase do desenlace do caso unha vez transcendeu publicamente o pasado sábado en La Voz de Galicia.

O voceiro da directiva illense informou da decisión ao representante de Jardel e de Canhoto nada máis rematar a súa reunión. Álex Zels sinala que o feito de «non lle dar os xogadores explicacións da súa falta a dous adestramentos a quen llela tiñan que dar -en referencia ao técnico- vai moito máis aló dunha irresponsabilidade, máis tendo como tiñamos o equipo en cadro onte -polo domingo, co Céltiga xogando ante a poderosa U.D. Ourense con só doce futbolistas do primeiro cadro dispoñibles, entre lesións, sancións e ausencias-. Foi unha falta de respecto cara aos seus compañeiros, cara ao corpo técnico, e cara a directiva». Zels déixao claro: «O vestiario ten que recibir tamén unha mensaxe, os infantilismos non teñen cabida no Céltiga».

Preguntado polo tema, Núñez agarda que o primeiro caso semellante nos seus máis de 30 anos de adestrador quede pechado xa: «Canto antes pasemos páxina, mellor; non nos axuda en nada». Só quixo salientar que a saída dos dous lusos, que vivían na Illa nun piso alugado polo Céltiga xunto con Orlando, baixa voluntaria do equipo desde o luns da semana pasada, obedece «á súa ausencia a dous adestramentos. Eu non tivera antes ningún problema con eles. Canhoto pedírame permiso para non vir o luns porque a súa avoa estaba enferma. Pero o xoves á noite, cando falei con eles, ningún me deu ningún tipo de explicación de por que non viñeron. Iso é unha falta grave».

Toca atopar con rapidez un punta e un lateral

Procedente do Cultural Areas, no que debutaba hai dous anos no fútbol español, Canhoto asentouse desde o primeiro partido de Liga no once de Núñez de interior ou de mediapunta, titular en tres dos catro partidos disputados antes de ser apartado do equipo, e marcando un gol. Lesionado na pretempada no xeonllo dereito, Mário Jardel, pola contra, vaise sen poder ter demostrado o moito e bo que agardaba del o técnico do Céltiga, que este verán lle daba ao fillo do gran exdianteiro do Porto a ocasión de estrearse en España e probar a súa calidade co balón e o seu olfacto goleador.

Tras as saídas de Canhoto e de Jardel, o corpo técnico adiantaba a procura dun punta e dun lateral con capacidade para xogar en ambas bandas, toda vez que a fichaxe de Jacobo quedara encamiñada tres semanas atrás sen agardar perder os dous lusos. Pendentes dun Arinse retirado o domingo á media hora por problemas musculares, o Céltiga só conta con Santi para os laterais.