«O BNG non podía entrar no xogo que o PP traía con EU e Somos»

A. Garrido / s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A candidata nacionalista di sentirse defraudada polos incumprimentos do goberno socialista

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fala con paixón da cultura e dos sectores produtivos, fontes, na súa opinión, de riqueza que Vilagarcía debería mimar. Lucía César Veloso (Bamio, 1984) é a voz do BNG na carreira polas urnas logo dun mandato complexo.

-É a súa primeira campaña á fronte da candidatura.

-É. E teño que dicir que estamos contentos e ilusionados, vemos unha corrente de simpatía. E, sobre todo, que se nos achega xente moza, un sector da nosa sociedade moi complexo a día de hoxe. Pase o que pase, estou satisfeita por ter incorporado ao BNG ese número de rapazas e rapaces.

-Márcase o BNG como obxectivo formar goberno?

-Esa é a intención de calquera partido, outra cousa é a realidade. Nunha realidade formada por catro opcións de dereitas e catro de esquerdas haberá que agardar ao 26M, quitar o talante negociador e ver que pasa. Non pechamos as portas a nada. E se teño que negociar para ser alcaldesa, non haberá problema ningún.

-Un dos ataques recorrentes ao BNG, sobre todo dende o PP, foi a acusación de servir de muleta do PSOE neste mandato.

-Nós non podiamos entrar nese xogo de acordos que o PP se traía con Esquerda Unida e Somos Maioría. Nun escenario así tiñamos que facer o noso propio traballo, unha oposición o máis construtiva posible e, sobre todo, poñer solucións aos problemas das veciñas e os veciños, que custou moito esforzo e moitísimas reunións. Outra cousa foron os incumprimentos do goberno...

-Non quedaron satisfeitos...

-Todo o contrario. Sentímonos defraudados. No eido da cultura o que se fixo dista moito do que se acordou. A situación da lingua é moi preocupante, cun descenso do número de falantes que sobre todo se dá entre a mocidade. Déixase marchar o AF7 e non pasa nada... Cando vexo no programa do PSOE que collen as axudas aos montes ou a mellora dos centros socioculturais como propias pregúntome se estou vivindo nun mundo paralelo.

-É certa a percepción de que existe un desequilibrio entre o centro e as parroquias?

-Un exemplo. Hoxe tiña unha reunión, pero non dispuña de coche. Supostamente pasaba por Bamio un bus ás dez e media, pero non apareceu e non chegaba. Así que me botei a andar, pero por onde? Moitas parroquias están en situacións semellantes e o BNG non parou de insistir. Tamén nós precisamos seguridade viaria, calmado do tráfico, accesibilidade nas beirarrúas. Síntome como Labordeta, sempre coa mochila. E hai moito que facer no forestal, onde tanto traballamos, na posta en valor do patrimonio natural, no coidado da ría para os nosos sectores produtivos...

-Que é o primeiro que faría logo de chegar ao goberno?

-Eliminar a simboloxía franquista do rueiro. Cando paso pola parroquial póñenseme os pelos de punta ao ver esa cruz.