O humorista Leo Bassi encabeza a quinta edición do festival de risa máis aclamado

elisa pérez

AROUSA

Martina Miser

O certame desenvolverase nas rúas da capital arousá durante cinco días de agosto

30 jul 2019 . Actualizado a las 00:00 h.

O Festaclown xa é cita obrigada para todos os vilagarciáns e os visitantes famentos de diversión. Dende o 17 ata o 21 de agosto, a localidade arousá acollerá a quinta edición do seu festival máis consolidado. A risa e a solidariedade volverán ser as grandes protagonistas, durante cinco días, dun evento que leva vinte anos percorrendo países de todo o mundo, e que pretende contribuír á actividade cultural dos diferentes lugares que visita, ademais de facer visible o labor de varios colectivos sociais.

O prato forte do Festaclown, que muda a súa denominación para resaltar a súa identidade galega, será o estreo, en Galicia, do espectáculo «Yo, Mussolini», protagonizado polo cómico Leo Bassi. Con esta obra, o italiano persegue desmontar o fascismo, movemento que «necesita miedo para funcionar», así como defender o poder da risa, «un arma política muy importante».

Completan o programa de actuacións unha serie de artistas e compañías circenses e teatrais do panorama nacional e internacional. Mago Teto, «un dos mellores magos do país», segundo afirman dende a iniciativa Culturactiva, estará o 20 de agosto na praza do Castro, igual que a compañía clown Sempre Arriba, que actuará o domingo 18. Tamén realizará a súa función o domingo o grupo teatral Vol’e Temps, tres veces galardoado en Andalucía. Ademais, chegarán ás rúas de Vilagarcía figuras como o mago zamorano Miguel de Lucas, a actriz madrileña Mireia Miracle ou a compañía vasca Aimar & Cía.

Aínda que o Festaclown non se inaugura ata o sábado 17, Vilagarcía xa carga as pilas cunha actuación mañá, ás 20 horas no Salón García, do taller de teatro Clámide en colaboración coa asociación Con Eles. O Concello dá inicio, así, a unhas xornadas de gozo e con fins benéficos.

Leo Bassi estrea «Yo, Mussolini», o seu espectáculo contra o fascismo

19, 20 e 21 de agosto • De nde as 11 horas • Vilagarcía • A música será a gran protagonista do luns 19, co concerto da agrupación Píscore, que presentará a súa fusión musical na praza de Galicia, ás 13 horas, e na praza do Castro, ás 20 horas. A madrileña Mireia Miracle ocupará a praza de Galicia, ás 21.30 horas, co seu espectáculo, «Rojo».

O martes 20 chegará o Mago Teto coa súa función «Alquimia», que levará a cabo ás 13 horas na praza de Galicia, e ás 20 horas na praza do Castro. Os vascos Aimar & Cía estarán na praza de Galicia ás 21.30 horas.

E como o mellor debe deixarse para o final, o mércores resérvase para o humor do italiano Leo Bassi, que fará doblete no Festaclown, cunha conferencia no auditorio, «El teatro como herramienta política», ás 12 horas, e co estreo en Vilagarcía da función «Yo Mussolini», ás 21 horas.

O ilusionista Miguel de Lucas e a compañía Muu inauguran o ciclo

17 e 18 de agosto • 12 horas • Vilagarcía • Vilagarcía iniciará o Festaclown co espectáculo circense da compañía galega Muu, chamado «Crunch!», o sábado 17 ás 13 horas, na praza da Independencia, actuación que repetirá o mesmo día, ás 20 horas, na praza do Castro.

O primeiro día do festival continuará con circo e teatro na rúa, da man de Kote Malabar, que estará ás 19 horas na rúa Rei Daviña. Pola noite, será o mago zamorano Miguel de Lucas quen amenizará o fin de xornada coa súa demostración, «OLE!», ás 21.30 horas na praza de Galicia.

O domingo, a humorista Patty Diphusa mostrará a súa destreza cos malabares ás 13 horas na praza da Independencia, e ás 19 horas en Rei Daviña. A compañía galega de clown Sempre Arriba actuará na praza do Castro ás 20 horas, e Vol’e Temps estarán ás 21.30 na praza de Galicia.