
O programa das festas da localidade arrinca o venres e estenderase ata a celebración da Festa da Ameixa
25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Vilagarcía xa está na conta atrás para as súas festas máis agardadas. Veciños e visitantes de diversos lugares programan cada mes de agosto a súa axenda para non perderen ningún evento organizado con motivo da celebración das Festas de San Roque.
Aínda que o día de comezo do festexo é o 14 de agosto, a localidade xa quenta motores para o que son as súas festas máis afamadas. O programa de actividades dá inicio o venres cunha actuación do ciclo Varietés, ás 22 horas, na rúa Méndez Núñez, coma sempre. O sábado arranca na vila a tradicional Semana do Cine, que se prolongará ata o día 2. O espectáculo nocturno «Ás nove na praia», que se levará a cabo na praia da Concha dende o día 6 ao domingo 11, contará coa actuación do DJ Moncho Lemos, de Radio Galega Música. O día 11 empezará o ciclo de cine ao aire libre «Fantasio na rúa», ata o martes 13.
O que tampouco pode faltar en ningunha edición das Festas de San Roque son os concertos. O Concello mantén unha proposta musical equilibrada e completa para este ano, coas actuacións fortes do consagrado cantautor Víctor Manuel, que estará o venres 23 no parque da Xunqueira, para presentar o seu último disco, «Casi nada está en su sitio». O asturiano, con máis de 50 anos de percorrido, tamén cantará os seus temas máis exitosos.
Co obxectivo de satisfacer a tódolos públicos, Vilagarcía traerá o día 22 ao artista Blas Cantó, coñecido pola súa época como integrante do grupo Auryn e por ser o gañador da quinta edición do programa «Tu cara me suena». O mércores 21 actuará un dos artistas máis recoñecidos do panorama nacional, o músico Xoel López. Para dar máis visibilidade ao talento local, as festas da vila ofrecerán o mércores 14 o concerto de despedida de Los Duendes, logo do pregón. O día 16, o cantante José Luis Barreiro interpretará as súas «Cancións de Sempre», na Alameda.
O Concello mantén, cunha ampla oferta cultural estival, a súa promesa de «desestacionalizar o turismo e facer unhas festas inclusivas».