Os edificios que o acollen, por si mesmos, deben ser declarados bens de interese cultural
01 sep 2019 . Actualizado a las 17:51 h.Ao Museo da Salga do Grove non se lle pode chamar museo, aínda que esencialmente xa o sexa. Os edificios que o acollen, por si mesmos, deben ser declarados bens de interese cultural ao tratarse de factorías de salgadura do século XIX, con antecedentes no XVIII. Ademais, están situadas nun entorno histórico e paisaxístico incomparable como o é a enseada de Moreiras. Ao redor do museo existiron outras tres factorías, coas instalacións auxiliares: escameiras, cantina; están catalogados restos romanos en Currelos de Montes, a carón da praia Lavaxeira; a
fermosura desta paraxe é dificilmente cuestionable. Nesa pequena badía desembocan dous regatos: o de Cova da Loba cuns catorce muíños de auga nas súas beiras, practicamente intactos e só pendentes de restauración e o río da Serpe cunhas sete edificacións nas mesmas condicións. O conxunto etnográfico que conforman estas canles de auga e os seus aproveitamentos coas rehabilitacións modélicas de dúas fábricas de salazón e os restos doutras dúas, converten ao triángulo Cova da Loba, río da Serpe, Moreiras nun espazo único, cunha singularidade extraordinaria; un destino histórico e etnográfico dunha altísima importancia. O corazón deste emprazamento pódese considerar o Museo da Salga -non sendo esta por agora a súa denominación correcta-- que é o que é pola dedicación e o empeño, tantas veces sen recoñecemento, de Xosé Luís Escalante, Peliso. El, actual conservador das instalacións, elaborou o proxecto ó redor do ano 2003. A comunidade de montes de San Vicente, titular dese espazo e das ruínas situadas nel, cedeu o uso ao Concello do Grove, quen encargou aos arquitectos David Cacabelos e Carolina Álvarez o deseño da reconstrución das derruídas naves. Escalante recorreu o municipio grovense, e moitos outros municipios costeiros, para achegar os elementos que hoxe se poden ollar alí, distribuídos en seccións temáticas de carpintaría de ribeira, pesca, conserva, motores mariños e instrumental diverso, entre outras. No 2007 inauguráronse estas instalacións, sendo alcalde Miguel Ángel Pérez García, actualmente presidente da Asociación de Amigos das Salgadeiras de Moreiras e verdadeiro alma mater no impulso e desenvolvemento de Moreiras. Dende os puntos de vista administrativo e científico-museístico queda moito por facer: A recuperación
etnográfica dos regatos da Serpe e de Cova da Loba tropeza coa situación de crise económica que dificulta a dedicación de fondos para habilitar como paseo as beiras
de dominio público desas canles e non se sabe se existe interese por parte da Xunta ou da Deputación en acometer ou apoiar a recuperación dos muíños.
A citada asociación está a promover dous expedientes. Un para a cualificación como museo, que corresponde ao Consello da Xunta, para que poida incorporarse á Rede Galega de Museos e dotarse dos imprescindibles instrumentos técnicos. E a outra petición busca conseguir a salvagarda do espazo Cova da Loba-Regato da Serpe-Moreiras coa protección que pode outorgarlle a Lei de Patrimonio de Galicia como Conxunto Histórico. É necesario o apoio de todos. O resultado pode ser impresionante.