![](https://img.lavdg.com/sc/Q9nnXvnAjBaSvLdVH2gz1WvOvwk=/480x/2019/09/25/00121569441421944340999/Foto/AS18P1F1_215541.jpg)
RemoO técnico do Rosal aparca o remo saturado, tras gañar dúas das tres últimas Ligas Galegas
26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Facer bo aquel dito do Non hai dúas sen tres non será tarefa de Iván Treinta. A lo menos, non a vindeira tempada. O adestrador do Rosal, responsable da sección feminina do Club de Remo Mecos nas cinco últimas campañas, vén de confirmar a súa retirada, en principio temporal, do mundo do remo. Faino logo de dirixir a tripulación mixta da entidade grovense e do C.R. Coruxo ao título da Liga Galega de Traiñeiras Feminina, gañando sete das oito regatas puntuables. Un título que sumou ao que conquistara dous anos atrás o C.R. Mecos na mesma Liga, daquela nun barco mixto con remeiras do C.R. Ribeira e con pleno de bandeiras, ademais dun sobresaínte terceiro posto na Bandeira da Concha.
«A razón de por que o deixo é que isto queima máis ca pipa dun indio», declara Iván Treinta ao ser preguntado polo seu paso ao lado. Remeiro desde os 11 anos en Robaleira, adestrador desde os 18, o do Rosal leva as oito últimas tempadas traballando na estrutura do C.R. Mecos. E xa con 32 privameras, confésase saturado.
Saturado non só polo desgaste dun deporte que obriga a sacrificar cada verán sobre o traballo escuro feito nos duros invernos galegos. Tamén, e case máis por iso oíndo falar a Treinta, «por ter que lidiar con tantos problemas. Este é un deporte que te esixe adestramentos profesionais, pero con condicións de afeccionado». Á falta de apoios privados ao remo, o xa extécnico do C.R. Mecos feminino comenta que «agora xa non chega nin coas subvencións, que cada vez van a menos» para manter unhas condicións mínimas de traballo. E así, «é moi complicado seguir», sentenza.
Na procura dun substituto
Iván Treinta fai un balance moi positivo dos seus 8 anos na estrutura do C.R. Mecos, primeiro coas categorías base, e no último lustro, coa sección feminina: «Sempre andivemos nas finais, na pelexa polas medallas» nos bateis e na traiñeiriña. Con dous títulos da LGT no peto, só lle queda a espiña cravada de non ter clasificado este ano o barco arousán para a final da Bandeira da Concha. «Isto é deporte, e nas regatas inflúen un cúmulo de circunstancias. Pero eu son así de esixente», di; máis manexando o barco campión galego.
Profesional titulado da formación deportiva, Iván Treinta sinala tamén que ao desgaste súmaselle o feito de que «teño que buscarme o pan». Agora, levándolle a preparación física ao C.B. O Meco, e traballando coa empresa de organización de eventos deportivos de Serafín Martínez.
A directiva do C.R. Mecos informa de que está á procura dun relevo para Iván Treinta, en tanto a súa intención é volver sacar traiñeira feminina no 2020.