
O seis veces ouro mundial competirá a finais de mes en Portugal
03 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Conta con media ducia de títulos mundiais colleitados ao longo dos últimos tres anos, e prepárase para o que será o seu primeiro Campionato de Europa. O vilagarcián Pedro Muñoz Fole é un dos 16 elixidos polo corpo técnico da selección española de kenpo para acudir á cita continental que a finais deste mes, do 24 ao 26, se disputará na localidade portuguesa de Vila Franca de Xira, na área metropolitana de Lisboa.
O deportista do Kenpo Vilagarcía foi elixido para pelexar por cadansúa medallas nos cadros de competición de kata, de armas, e de combate semikenpo da categoría Sub-21. Esta última, elixida polo propio Pedro Muñoz, ao que o corpo técnico da selección lle deu a escoller entre competir en Sub-21 ou Sénior na súa calidade de vixente campión do mundo absoluto de kata, e de kata por equipos -tamén é o último bronce en semikenpo e en armas-.
A súa actuación na gran cita de abril en Guadalajara, na que a Federación Española de Karate e de Deportes Asociados optou como organizadora por prescindir da categoría Sub-21, unida aos seus resultados precedentes no Campionato de España 2019, abríronlle as portas a Pedro Muñoz á concentración que os responsables da selección de kenpo convocaron a comezos do mes pasado para proceder á criba para o Europeo, con só 16 prazas dispoñibles. E nas instalacións madrileñas do Consejo Superior de Deportes o vilagarcián reafirmou o porqué é hoxe unha das referencias mundiais nas modalidades de técnica do kenpo.
Pedro Muñoz terá así a oportunidade de ampliar o seu extraordinario 2019, e de despedirse da categoría Sub-21 engordando o seu xa brillante palmarés. Unha folla de servizos na que ademais dos éxitos de abril en Guadalajara, conta cos ouros en kata de armas e de defensa persoal, e os subcampionatos en kata e en combate semikenpo na súa estrea nun Mundial, o de Albufeira, Portugal, do 2017; ademais dos títulos en kata e en combate semikenpo do Mundial 2018 de Budapest. Nestas dúas primeiras internacionalidades, competindo no cadro Sub-21, apuntaba onte o adestrador de Muñoz. Un Mario Hermo que salienta que «para nosotros, como club -Kenpo Vilagarcía- es muy importante la convocatoria de Pedro, porque seguimos estando ahí». Hermo subliña que, ademais dunha figura internacional, o seu pupilo foi «el único español que ganó un título mundial en kata este año», circunstancia que, abofé, tiveron en conta os integrantes do corpo técnico da selección española de kenpo no seu recente proceso de elección dos 16 deportistas con billete para Vila Franca de Xira.
O club dos 200
Muñoz é, sen dúbida, o máximo expoñente do labor que desde hai anos leva facendo Mario Hermo á fronte do Kenpo Vilagarcía. Un club con delegacións en Vilanova, na Illa, e no Colexio de Baión, que nas últimas tempadas manexa de 150 a 200 deportistas, que no seu último campus de verán contou con 267 rapaces, e sempre aberto a calquera que queira iniciarse no kenpo, sexa cal sexa a súa idade. Os interesados poden dirixirse á conta de Facebook do club.