«Este premio recoñece a todos os que facemos disciplinas non olímpicas»

AROUSA

Carolyn Cooper (Cedida)

Tono Campos recolle hoxe en Lalín a máxima distinción autonómica, sucedendo no historial o campión da Champions Lucas Vázquez

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Antonio Campos García (O Grove, 15/VII/1985) compartirá esta tarde en Lalín coa estrela do atletismo Ana Peleteiro Brión os focos centrais da gala dos Premios Deporte Galego que concede a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O mellor padexeiro español de maratón da historia recollerá o galardón ao Mellor Deportista Masculino do 2018, ano no que reuníu os títulos europeo e mundial do C1 da modalidade de fondo. Un premio cun historial de nomes ilustres como o de Javier Gómez Noya, e que hai un ano recibía o futbolista do Real Madrid Lucas Vázquez, tras gañar co equipo merengue a Liga de Campións.

-Mellor Deportista Galego Masculino do 2018. Palabras maiores.

-Si. A verdade é que si. Foi unha sorpresa cando me chamou o secretario xeral para o Deporte para comunicarmo, porque non tiña coñecemento de que me propuxeran para o premio. E tratándose dunha disciplina non olímpica, máis. De feito, pensara que fora polo que conseguín no 2019, inda que no 2018 tamén fora campión de Europa e do Mundo.

-¿Leva discurso para a ocasión?

-Non. Temos unhas instrucións. O presentador farános unhas preguntas, e contestarémolas, para que non se faga moi longa a gala. Eu dareilles as grazas á Policía Nacional; e á Xunta por concederme este premio, sobre todo, cando a miña é unha disciplina non olímpica, que ás veces son menos recoñecidas. Tamén lles agradecerei ás institucións públicas que nesta época de crise sigan apostando por bolsas para os clubs e para os deportistas, porque as entidades privadas deixaron de apoiar o deporte como antes. Agora conseguir un patrocinio privado é máis complicado. E grazas ás axudas das entidades públicas, como o programa DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nivel), fóronse mantendo tanto os deportistas como os clubes.

-Sempre que ten ocasión recorda e agradece as facilidades que o Corpo Nacional de Policía lle dá para poder adestrarse como faría un profesional sen máis ocupación co deporte… Por ese lado, ¿síntese un privilexiado?

-Si. Por suposto. Sempre llo agradezo. E teño clarísimo que se non fose policía, non podería estar ao nivel ao que estou, nin acudir ás competicións do máximo nivel. As axudas ás disciplinas non olímpicas son moi pequeniñas, o que che obriga a ter un traballo, e que che permita compaxinar co adestramento, que require moitas horas.

-Para que os seus compañeiros da Policía Nacional alleos ao deporte se fagan unha idea do nivel do seu recoñecemento hoxe, ¿a que medalla equivaldría no Corpo o seu Premio Deporte Galego?

-Bufff! Non podo comparar. Son totalmente diferentes. Non sería comparable.

-Javier Gómez Noya no 2015, Cristian Toro, no 2016, Lucas Vázquez na edición anterior… Estrelas do universo olímpico, ou da moi, moi distante galaxia do fútbol. Nada que ver coa súa especialidade, minoritaria nun deporte lonxe do acompañamento das masas, como xa comentou. ¿Dálle esta circunstancia unha maior satisfacción persoal por este galardón?

-Con este premio recoñécese a todos, vésenos valorado o traballo non só a min, senón a toda a xente que practicamos disciplinas non olímpicas, que son menos recoñecidas normalmente.

-¿Será que por fin empeza a resultar que non todo é falar e aplaudir o fútbol neste país?

-Si, ben. Non só co piragüismo, vémolo tamén no atletismo, co Premio Deporte Galego a Mellor Deportista Feminina a Ana Peleteiro. Galicia sempre foi unha potencia en piragüismo a nivel mundial, e estáse a ver recompensado por todo iso, polo traballo que se leva feito. A Federación Galega de Piragüismo é das que máis axudas leva, porque é a que tamén reporta máis éxitos.

«O maratón é puro espectáculo. Hai máis movidita»

O éxito de Tono Campos é froito do tesón aplicado a unha modalidade do piragüismo dun atractivo descoñecido para o gran público.

-Como moitos outros, vostede soñou con ser olímpico. Traballou por gañar praza no C2 1.000 para Londres 2012 e para Río 2016, sen conseguilo. E xa ve, Mellor Deportista Galego. ¿Haberá que pensar que os camiños da gloria deportiva son inescrutables?

-Si. Iso sempre. Non me arrepinto de ter tentado a vía olímpica, inda que de non facelo, está claro que podería ter tido algún resultado destacado máis no piragüismo non olímpico. Todo o mundo sabe que as miñas condicións son de fondista. A distancia para min era o 1.000. Cabe salientar que a partir do 2008 a clasificación para os Xogos na canoa fíxose dificilísima, pola redución de prazas, e sempre coa sombra de países que deron despois positivo. No último Mundial de Maratón veu un ruso clasificado para os próximos Xogos no C2 1.000, medallista tanto no C1 como C2 no Mundial de Pista do 2018, e no Mundial de Maratón finazou terceiro. E outros medallistas olímpicos que o tentaron outros anos, como Attila Vajda ou Mark Oldershaw, non conseguiron sacar medalla en maratón.

-¿Que move a un piragüista a tirarse 26 quilómetros por un río e remolcar ao ombreiro unha canoa cinco veces no camiño, cando pode dedicarse a regatas de 1.000, de 500 ou de 200 metros coa súa boa dose de adrenalina?

-A min gústame moitísimo máis o maratón. As regatas son máis entretidas. Son puro espectáculo. Cada portero, cada ciaboga, cada saída. Aquí hai estratexias, hai golpes, hai tiróns; saídas todos xuntos. Hai máis movidita [Gargallada].

-E a partir de aí, ¿que o fai a un campión de maratón?

-Pois aparte das calidades físicas que hai que ter para esa distancia, a constancia. Sen dúbida. A constancia e o traballo. Está claro, por moi bo que sexas, sen iso, nestas distancias non vas gañar.