Vilagarcía desvela hoxe o nome do seu mellor deportista do ano

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O premio faise público esta noite, no Salón García

13 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Municipal de Deportes organiza esta noite, desde as nove no Salón García, a vixésimo novena edición da Gala do Deporte Local. Unha cita que concluirá co descubrimento da identidade de quen lucirá a condición de gañador do premio ao Mellor Deportista Local do Ano; nesta ocasión da tempada 2017/18 e do ano natural 2018. Un nome que sairá dos cinco finalistas elixidos polo xurado do premio: a mediofondista Raquel Meaños, o triatleta veterán Andrés López, o regatista da clase preolímpica 420 Jacobo García, o kenpoca Pedro Muñoz e mais o preparador físico da selección española absoluta feminina de baloncesto e do Wisla Can Pack Cracovia de Polonia Jordi Aragonés.

Antes de coñecer a identidade do Mellor Deportista do Ano, a Gala do Deporte Local verá no estrado do Salón García a entrega de cadansúa mención especial á xornalista gráfica de La Voz de Galicia Martina Miser, no apartado de medios de comunicación, a Garavilla, no de empresa patrocinadora, á Asociación EncestaRías, á de organización de evento deportivo, á adestradora de ximnasia rítmica Sandra Estrada, na de técnicos, a José Ramón Santórum (Os Ingleses Rugbi Club), no capítulo de directivos, ao Atlético Arousana, pola súa traxectoria de 25 anos, e, a título póstumo, haberá unha mención de honra a Celestino Brianes.

A Gala do Deporte Local será presidida polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, acompañado polo concelleiro do ramo e presidente da Fundación Municipal de Deportes, Argimiro Serén. Alberto Rey, colaborador habitual do ente reitor do deporte vilagarcián, é un ano máis o encargado de conducir a gala.