Das igrexas teimudas

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

GOOGLE EARTH

Avelino Ochoa amplía a súa disertación arredor da importancia de preservar o xacemento de Adro Vello, e dos Castriños

29 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordar datas de cultura xeral pode axudar a comprender a importancia de Castriños e Adro Vello. Imos alá: O mundo castrexo, gravado nos Castriños, sitúase entre o século VIII a.C e a romanización. Esta tivo episodios en Galicia como a incursión no 138 a.C. de Décimo Junio Bruto, alcumado Galaico. Cara ó 96 a.C, Publio Craso atracou nas Casitérides, que poden ser as Illas Atlánticas. No 60 a.C, Julio César arribou a Brigantium nunha flota gaditana e viu, ou pisou, os Castriños e a Armada de Augusto navegou fronte a eles. Ó redor do 411 os suevos instaláronse en Galicia e dende o 844 ata entrado o primeiro milenio os viquingos presentábanse por Adro Vello a cada pouco. A totalidade das flotas históricas enfilaron este promontorio. E nos séculos XVIII e XIX, alí mesmo, edificouse unha concentración de fábricas de salga.

Estes tres mil anos quedaron esculpidos nos Castriños, Adro Vello, Carreiro e Barcela, ó redor dun quilómetro. Poucos lugares hai que coñecesen a Xulio César, a Augusto, ao apóstolo Santiago, aos viquingos e todo o que vén despois. Que a xente dos Castriños presenciase a romanización é común á civilización castrexa e que o Adro Vello foi parte dela non cabe dúbida. Alí desveláronse restos dunha explotación de salga romana, enriba dela os indicios dunha villa a mare e, sobreposta, a primeira igrexa. Primeira porque se cadra houbo tres, destruídas e teimudamente reconstruídas. Da máis antiga coñecida temos un documento do 899 no que Afonso III (852-910) confirmou unha doazón previa. As escavacións descubriron a base dunha igrexa que non semella ser esa primixenia, nin a que se trasladou no 1771. Esta está descrita polo miúdo no Libro de Fábrica, dous anos antes da remoción e non coincide co que queda á vista. Tiña tres altares: o maior, un á destra, outro á sinistra. Debaixo do maior existían tres ocos para enterramento, dous baleiros e no do Norte, soterrado o párroco Pedro Mareque, personaxe na historia que dou lugar á lenda do Meco. Nas peañas do altar maior había imaxes de San Vicente e da Concepción; no da esquerda, San Pedro, San Antón e San Mauro; no da dereita a Virxe do Carme e San Ignacio. A escavación deixou ao aire unha fiada de perpiaños e non se ven restos de capelas laterais porque forma unha nave rectangular de seis metros de ancho. É certo que altares non quere dicir capelas, pero vendo esa anchura parece difícil que sexa esa a que se describiu no 1769 e se trasladou, senón outra aínda anterior. Confirmouno o profesor Sánchez Pardo ao facerlles probas científicas a esa fileira para determinar a súa antigüidade, porque a simple vista o corte das pedras non parece do entorno do século VII, no que o datara o Dr. Carro. Os resultados de radiocarbono ratificárono: esa base é de entre os séculos XI a XIV. Non pertence á que había antes do 899. Pode ser dunha reconstrución despois da época viquinga.

Por favor: ampliemos as escavacións a Leste e Sur, levantemos a estrada, creemos unha cúpula que protexa Adro Vello, investiguemos Os Castriños. Non podemos non querer.