Touriñán: «Os narcos son uns personaxes morbosos e moi atraíntes»

Carlos Crespo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O auditorio de Vilagarcía acolle o venres e o sábado a adaptación teatral de «Fariña»

10 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na serie de televisión Touriñán interpretou a Paquito Charlín. No teatro non ten un personaxe definido porque nesta adaptación aos personaxes non se lles poñen nomes propios aínda que moitos deles son facilmente identificables. «Interesábanos máis darlle o protagonismo ao colectivo, á sociedade», conta. De condensar en hora e media o que se narra nas 360 páxinas do libro encargouse o propio autor Nacho Carretero. De dirixilo en escena, o laureado Tito Asorey.

-Que sensacións lle provoca interpretar esta obra en Arousa, o epicentro da trama?

-Non o sei, contareicho cando rematen as funcións. É certo que é especial porque é unha historia que a todos nos, soa pero en Vilagarcía haberá xente no teatro que a viviu en primeira persoa.

-Ademais de actor é produtor da obra. Que lle levou a querer facer esta versión teatral?

-Gústame meterme en líos. E se estou liado gústame liarme aínda máis. Non me gusta esperar a non ter nada para arrincar proxectos. Pero ademais sentín o compromiso de seguir mostrando esta historia e facelo dende un punto de vista diferente ao do libro ou ao da serie. O que expón a obra é algo que forma parte de nós. Non serve barrelo para debaixo da alfombra.

-Hai entón certa moralina?

-Hai unha lección que é: ollo! isto non rematou. Temos a proba hai nada co caso do submarino. É certo que non existe aquela relación tan xeral de todo un pobo co contrabando ou co narcotráfico. Pero non é «esquezámonos, xa é un problema do pasado». Non, non, segue presente.

-Que atopa o público no teatro que non atopou no libro ou na serie de televisión?

-Antes da estrea a xente dicíanos, «pero como ides contar isto»?. E o que nos din agora é «ostras, está moi ben contado». É totalmente diferente á serie. Máis que centrarnos en episodios concretos expoñémolo como unha viaxe a aqueles tempos nos que nos pobos se notaba a man, sobre todo, do contrabando e nos que todo parecía unha marabilla. O problema chegou cando empezaron a morrer rapaces e rapazas.

-Houbo quen criticou a serie porque, dicían, branqueaba aos narcotraficantes.

-É que depende moito dende onde o vexas. Son antiheroes pero tamén son personaxes moi morbosos e atraíntes. Tiñan unha parte mala, moi mala. Pero tamén se lles vía un pouco como a Robin Hood. Loxicamente nós non somos quen para poñer iso nunha balanza e xulgalo pero si que hai que mostralo. E sobre se branqueou aos narcos? Home, non sei se a Sito Miñanco, pero aos Charlines ou a Oubiña seguro que non. De todos modos, que nunha ficción poidas empatizar co malo pasa co Jocker, con Breakin Bad, con Narcos... É habitual.

-Por certo, na serie Lureano Oubiña estaba interpretado por Carlos Blanco, quen non participa na obra teatral.

-Foi por unha cuestión de exceso de traballo del. Carlos foi a primeira persoa á que lle ofrecín estar na Fariña teatral pero coincidiulle con varias rodaxes e viñamos de traballar moito con Somos criminais e Unha noite na praia e díxome que non podía. Tamén sei que agora que a veu rematada hai nel un puntiño de envexa (rise).

-A televisión e para os vellos e Terito. O futuro é o teatro?

-Xa me gustaría pero non o creo. A nosa profesión é como as mareas, ven a onda das series, ven a do teatro... Oxalá puidera vivir só do teatro, e eu non me podo queixar, pero hai que ir compaxinando. O que ten o teatro é que me da a liberdade de facer o que me dea a gana. Non teño que venderllo previamente a ninguén. So teño que venderllo ao público.