Mari Paz Vilas, madriña do primeiro Torneo Féminas F8 Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

PABLO PENEDO

Un equipo do club che, no que a arousá vén de igualar a Kempes como máximo goleador histórico, xogará no Jiménez

20 ene 2020 . Actualizado a las 21:39 h.

Con Tino Buján, promotor da iniciativa e o seu director deportivo, como mestre de cerimonias, presentábase no salón nobre da casa consistorial de Vilagarcía a primeira edición do Féminas Fútbol-8 Vilagarcía. O torneo alevín co que, xa explicara a semana pasada o propio Buján nas páxinas de La Voz de Galicia, pretende ofertar un campionato «a la altura de los torneos masculinos de fútbol base que se organizan en la comarca», como o AF7, as Copas Ribadumia e o Cidade de Vilagarcía, «como también se merecen las féminas».

Unha iniciativa que, polo que lles consta aos seus responsables, o C.D. Bamio e o Concello de Vilagarcía baixo a dirección de Buján, sería a primeira deste nivel en Galicia, e a segunda do noroeste español. Un carácter pioneiro que contará coa mellor xogadora arousá da historia do fútbol, Mari Paz Vilas, como madriña da súa primeira edición, e cun equipo do club desta última, o Valencia C.F., entre as cinco canteiras da Liga Iberdrola -a máxima categoría do balompé feminino español- que xogarán no campo Manuel Jiménez e mais no do estadio de atletismo de Fontecarmoa entre o 26 e o 28 de xuño. Un anuncio que chegou só un día despois de que Mari Paz Vilas igualase ao mítico Mario Kempes como futbolista con máis goles en partidos oficiais na historia do Valencia C.F., marcando o seu tanto número 130 coa camisola branca.

O Valencia foi o único equipo de elite desvelado na presentación por Tino Buján, quen tamén confirmou a participación do Umia, a invitación ao Atlético Arousana, e a intención dos responsables do evento de reunir un combinado de xogadoras de equipos mixtos da comarca, toda vez que o seu organizador, o Bamio, carece dun conxunto alevín propio. Un combinado que poderá contar ademais con ata catro xogadoras infantís, como o resto dos entre dúas e catro ducias de equipos previstos, medida que busca, explica Tino Buján, «compensar a los clubes participantes de aquellas federaciones con menos jugadoras».

Máis aló da súa pretensión de converter o Féminas Fútbol-8 Vilagarcía en «uno de los mejores torneos a nivel nacional», os seus promotores farán unha campaña de captación de fondos para a Asociación Pablo Ugarte, que traballa no apoio de estudos contra o cancro infantil, a través das entradas e máis da venda de pulseiras solidarias durante o campionato.

A presentación contou coa presenza do presidente da Fundación de Deportes de Vilagarcía, Miro Serén, do deputado provincial Borja Gómez, da secretaria da Delegación de Pontevedra da Xunta, Ana Ortiz, e mais do vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández. Todos louvaron a iniciativa, e trasladaron o apoio firme das súas administracións e entidade.