O C.X. Fontecarmoa Viajes Interrías bota a andar con bo pé

AROUSA

MARTINA MISER

O conxunto vilagarcián impónse 2,5-3,5 no local de xogo da USC. O C.X.F. La Marina gaña o derbi da Primeira División

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Primeira xornada case perfecta a asinada o pasado sábado polos 14 equipos do Club Xadrez Fontecarmoa que arrincaban as Ligas Galegas de Xadrez. Máis aló dos catro encontros disputados entre conxuntos do club, houbo cinco vitorias vilagarciás dos seis restantes. Entre elas, a que o C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo asinaba no local de xogo da USC. Un 2,5-3,5 do máis valioso, porque pese a ter perdido a un xogador do nivel de Luis Medarde, o cadro da Universidade de Santiago de Compostela segue a figurar entre os grandes do xadrez galego, terceiro na clasificación final da tempada pasada, e campión da División de Honra no 2018.

Non lle foron ben as cousas a Julio Suárez na primeira mesa, na que perdeu a batalla con Daniel Fernández. O triunfo arousán sustentouse sobre os taboleiros dous, tres e catro: Roi Reinaldo venceu a Antonio Villar, Lucas Abal superou o ilustre veterán Goy Veiga, autor do primeiro manual de xadrez en galego, e na cuarta mesa Julio González facía o propio a costa do talentoso David Buitrón.

Como o seu pupilo máis aventaxado, Julio Torrado, o capitán do C.X.F. Viajes Interrías Sanxenxo, caeu presa do xogo do seu par da USC, no seu caso, de Luis Guerrero. Mais Andrés Varela asinaba táboas no sexto e último taboleiro cun xadrecista que, coma el, chegaba procedente de categorías autonómicas inferiores, David Martínez. Completábase así un 2-5-3,5 que sitúa o conxunto vilagarcián terceiro na clasificación provisional tras a primeira rolda, co Padrón A-S.C. Padronesa e co Xadrez Verín A compartindo o liderado con 4,5 puntos cada un.

Por primeira vez na súa historia o Club Xadrez Fontecarmoa goza de tres equipos na Primeira División. Dous deles, os encadrados no Grupo B, comezaron a Liga enfrontándose entre si en Vilagarcía. O triunfo foi parar ao C.X.F. La Marina por 1-3, situándose segundo na clasificación tan só por detrás do E.X.P. Ramón Escudeiro Tilve, con 4 puntos; a súa vítima, o C.X.F. Baños Print, é oitavo e antepenúltimo. No Grupo C o C.X.F. Espazo Xove derrotou 3-1 o Universitario Ourense A.