Sierra e Penedo, do fútbol galego á Primeira División de Marrocos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O adestrador pontevedrés e o preparador físico cesureño levan traballando un mes no corpo técnico do Ittihad Riadi de Tánxer como axudantes de Juan Pedro Benabi

27 feb 2020 . Actualizado a las 11:52 h.

No vestiario do primeiro equipo do Ittihad Riadi de Tánxer o árabe é, por razóns obvias, o idioma maioritario. Tampouco resulta difícil escoitar francés, co uso do inglés ocupando un lugar máis residual. Desde hai un mes o galego sumouse ao catálogo de linguas dun dos grandes da Botola Pro, a Primeira División do fútbol marroquí, unha das Ligas maiores do deporte rei no continente africano. Porque catro son as semanas que levan o adestrador pontevedrés David Sierra e o preparador físico pontecesureño Érik Penedo traballando no corpo técnico que dirixe o español Juan Pedro Benabi, cun contrato para o que resta de tempada, e mais a seguinte.

Benabi, nacido en Tánxer, ocupaba a dirección técnica do Tetuán, outro dos conxuntos da elite do fútbol alauí, ata que recibíu a proposta de tentar endereitar a traxectoria dun dos grandes da Liga, en horas baixas, afundido na penúltima praza da clasificación, en zona de descenso só dúas tempadas despois de ter gañado o campionato. O terceiro adestrador do Ittihad Riadi esta campaña tirou de contactos para reunir un corpo técnico de garantías, e a súa rede pescou na caladoiro galego.

«Eu rescindira co Lugo había quince días, e chegoume esta proposta», conta Sierra. «Pedro non me coñecía, nin a min, nin a Érik», no organigrama do Choco da Terceira División no que encadeaba a súa cuarta tempada. Benabi «pedíu informes, e a través de terceiros, chegou a nós».

«Non o pensei. Era unha oportunidade de crecemento, nun club cunha estrutura profesional dunha Primeira División», explica Érik, que comparte con David o seu soño de escribir unha longa e frutífera carreira no fútbol profesional. Titulado en Ciencias das Actividades Físicas e do Deporte pola Facultade de Pontevedra, master en prevención e en recuperación de lesións pola RFEF, Penedo, que fixera prácticas na canteira do Celta, traballou dous anos no Pontevedra de División de Honra Cadete antes de experimentar por primeira vez a contorna profesional no corpo técnico do Santiago F.S. da Primeira División do fútbol sala español con Santi Valladares e con Mon, xusto antes da súa etapa no Choco.

Cuestión de currículo

Cunha longa traxectoria de futbolista na Segunda B e na Terceira, David Sierra iniciou a súa carreira de adestrador á fronte do Grixoa de Preferente, dirixindo media tempada o Pontevedra B a modo de prólogo a dúas campañas como segundo de Milo Abelleira no primeiro equipo do Lérez, na Terceira. Tras varios anos na base do Celta, incluídos dous como axudante de Fredi Álvarez, de Javi López e de Toni Otero no filial na Segunda B, Sierra deu un paso atrás, facéndose co mando do C.D. Ribadumia de Terceira dous cursos. Un labor que lle valeu a chamada de Javi López para ser a súa man dereita no Lugo, nun salto de dúas categorías. Tras sobrevivir a dous relevos, con Monteagudo e con Eloy Jiménez subrogando a confianza no Pontevedrés, a recente chegada de Curro Torres ao vestiario do Anxo Carro puxo o punto final a ano e medio de Sierra na cidade da muralla. Un portón que se pechou, para ver como outro se izaba.

«En Lugo foron dous anos de aprendizaxe a todos os niveis, como segundo adestrador, e como analista de rivais. Familiariceime coas ferramentas de análise do fútbol profesional. Multipliquei por moitísimo as miñas capacidades» e iso, cre Sierra, pode ser unha das razóns que lle abrisen as portas do Ittihad Riadi, cuxa oferta, como Érik Penedo, non puido rexeitar: «A Primeira División de calquera disciplina é un sitio no que todo o mundo lle gusta estar».

Estadio para 50.000 afeccionados

Se ademais a proposta chega do que está «considerado un dos catro grandes equipos de Marrocos», ubica Sierra, que recorda o título de hai dúas tempadas, e o quinto posto da pasada Liga, pouco había que pensar tras recibir a chamada de Benabi.

«Traballamos nunhas instalacións que podían ser envexadas por moitos equipos importantes de España», sinalan os galegos, co seu centro laboral nun estadio para 50.000 espectadores que o curso pasado acolleu a Supercopa de España. «O que lles falta son máis recursos humanos», analiza Érik, «de aí que vaian incorporando a profesionais foráneos con experiencia para optimizar eses recursos», continúa David.

O labor de Benabi, con Sierra de segundo e analista de rivais, e con Penedo na preparación física, comeza a dar froitos. Porque se ben non foron quen inda de sacar o Ittihad do penúltimo posto -descenden dous dos 16 equipos da Liga-, en só catro partidos conseguiron sumar a metade dos puntos feitos polo cadro de Tánxer nas catorce xornadas anteriores cunha vitoria, dous empates e unha derrota ata o momento.

«Dieta mediterránea» e tempo gaditano

«Moito tempo libre non temos», din Éric e David cando se lles pregunta pola vida máis aló do traballo. E é que ademais do día a día no club, neste momento a súa prioridade é aprender canto antes un mínimo de árabe e de francés: «O idioma é unha barreira importante. Non é doado, pero nese proceso -de aprendizaxe- estamos». Polo demais, «atopamos unha cidade alegre, bastante occidentalizada, e moi asequible, cun clima tipo Cádiz, con xente na praia xa»; e «a calidade da comida é boa, con moito peixe. Está moi especiada, pero adaptámonos ben. É un pouco como a dieta mediterránea, máis agresiva». Inda desde Marrocos, Érik e David declaran con entusiasmo seguir canto poden a actualidade de todos os equipos galegos, en especial os dunha Terceira da que «somos dous namorados».