O C.X. Fontecarmoa regresa á competición coa vista posta no Campionato de España

AROUSA

Cedida

Irene Diz aspira ao título galego Sub-12 e Paula Suárez busca sumar o Sub-16 ao Sub-14

12 jul 2020 . Actualizado a las 00:57 h.

Catro longos meses van xa desde que o estado de alarma decretado para frear o avance da pandemia do covid-19 en España paralizaran, como tantas outras cousas, as competicións deportivas. A pasada fin de semana o mundo do xadrez galaico volveu gozar da experiencia dun torneo, coa disputa dos Campionatos Galegos Sub-8 e Sub-10. Tras os discretos papeis dos seus representantes, o Club Xadrez Fontecarmoa confía en poder ofrecer novamente unha das súas frecuentes crónicas con acento triunfal nos Campionatos Galegos Sub-12 e Sub-16 desta fin de semana, que como os anteriores, deberan terse disputado a pasada Semana Santa.

Tres son as grandes bazas que o equipo vilagarcián xogará na inminente cita autonómica no Hotel Scala de Padrón para ampliar o extenso palmarés acumulado pola entidade e mais polos seus deportistas. Irene Diz aspira a conquistar o título Sub 12 logo de proclamarse un ano atrás campioa benxamín. Paula Suárez, pola súa banda, partirá coa intención de sumar o cetro Sub-16 ao Sub-14 que conquistou no Entroido, nun Campionato Galego que se xogou entón xunto co Sub-18. Pola súa banda, o vilagarcián Andrés Rodríguez figura entre os candidatos ao podio masculino Sub-16.

Julio Suárez, a polo Absoluto

O último Campionato Galego que se dirimirá será o da categoría Absoluta, dentro dunha semana. Un título que o Mestre Internacional sanxenxino do C.X. Fontecarmoa Julio Suárez quere incluír no seu palmarés logo de dous intentos sen éxito.

Os tres mellores xadrecistas de cada categoría e sexo acudirán becados pola Federación Galega de Xadrez aos correspondentes Campionatos de España.

3.000 xogadores de todo o mundo nun dos dez torneos do club durante o confinamento

O confinamento decretado durante os dous primeiros meses de vixencia do estado de alarma sanitaria fixeron imposible, obviamente, continuar coa tempada de xadrez cando esta apenas cubrira o seu segundo mes de calendario. Con todo, os xogadores do Club Xadrez Fontecarmoa puideron compensar en gran medida as súas ganas de baterse en duelo diante dun taboleiro a través dos sucesivos torneos online que a entidade vilagarciá organizou tirando da plataforma lichess.org.

Ata unha decena de campionatos puxo o C.X. Fontecarmoa a disposición non só dos seus integrantes, senón de calquera afeccionado desexoso de xogar unhas partidas. E a resposta á iniciativa saíuse de calquera previsión, con ata 3.000 xogadores de todo o mundo e 6.000 visitantes seguindo os cruces do penúltimo torneo, recorda Ángel Vilas, secretario do Fontecarmoa e vicepresidente da Federación Galega de Xadrez.

O Nacional de Clubs, en Galicia

Tras os campionatos galegos e os nacionais individuais aos que poidan acudir algún dos seus xadrecistas, o club arousán ten en axenda nestes primeiros meses da nova normalidade o Campionato de España de Clubs. Unha cita que o C.X. Fontecarmoa agardaba con especial atención, por canto será a primeira vez que compita na Primeira División, a segunda das tres categorías do Campionato de España, con tan só oito equipos, á que ascendeu o ano pasado. A pandemia obrigou este ano a retrasar a cita da terceira semana de agosto á segunda de setembro. A súa organización foille concedida a Galicia. Porén Vilagarcía non ten opción de facerse coa sede, explica Ángel Vilas, por carecer dun hotel cunha sala que permita albergar a infraestrutura do torneo adaptada a estes tempos.