O Cortegada terá que facer dúas viaxes ás Canarias a próxima tempada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A FEB mete no seu grupo o Vega Lagunera Adareva de Santa Cruz de Tenerife e o MagecTías Contra Violencia de Género de Las Palmas

22 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A comisión xestora da Federación Española de Baloncesto decidía onte a composición das diferentes competicións baixo a súa xestión. Entre elas, unha Liga Feminina 2 que suma 16 equipos máis, ata os 42, pasando de dous a tres grupos. Un cambio que suporá un duro golpe económico para as limitadas posibilidades da Agrupación Deportiva Cortegada. Porque se ben se mantén o número de equipos por grupo, 14, o cadro vilagarcián deberá aforrar para sacar dous billetes de ida e de volta ás Canarias.

Así, a FEB acordou sacar do Grupo A os conxuntos madrileños e cataláns e introducir o Extremadura Miralvalle Plasencia, o Osés C. Ardoi navarro e mais os insulares Vega Lagunera Adareva -de Santa Cruz de Tenerife- e MagecTías Contra Violencia de Género -de Las Palmas-. O ADBA avilesino e os vascos GDKO Ibaizabal, Añares Rioja ISB e o Ausarta Barakaldo EST continúan no Grupo A, que eleva de catro a seis os conxuntos galegos. Este último é o único dato positivo para o Cortegada, que se volverá medir ao Arxil, ao Celta e ao Baxi Ferrol, e aos ascendidos Maristas Coruña e Instituto Rosalía.

A nova chega co Cortegada 2020/21 a medio construír, con seis xogadoras en nómina tras confirmar nos últimos días as renovacións de Zeltia Presas e da canteirá Lorena Castro.