Pazos: «A miña actuación é unha anécdota comparada co traballo do equipo e de Luis»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

XOAN A. SOLER

O gardamallas do C.D. Ribadumia salienta tamén o labor previo feito con el polo adestrador de porteiros do equipo aurinegro, Daniel Paseiro

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o C.D. Ribadumia vaia poder xogar o 11 de novembro a eliminatoria previa da Copa do Rei sería imposible sen a excelsa actuación de Roberto Pazos. O veterán cancerbeiro cambadés adiviñou o lado dos disparos dos cinco lanzadores do Viveiro na quenda de penaltis, conseguindo deter o terceiro, coa sinatura dun home curtido en mil batallas como Gerardo, e o quinto, de Meitín. Con todo, Pazos nega a etiqueta de heroe: «A miña actuación é unha anécdota comparada co traballo do equipo» e, subliña, co labor do seu adestrador, o vilanovés Luis Carro, que «soubo xestionar os cambios vendo que o equipo estaba afogado na segunda metade». Ademais, o cambadés pon en valor o traballo de Daniel Paseiro, o adestrador de porteiros do Ribadumia, que traballou con el a preparación do partido, incluíndo a análise da mecánica de cada xogador do Viveiro no lanzamento de penaltis.

O porteiro, que xogou a comezos de século un cruce de Copa do Rei entre o Compos, no que militaba, e o Deportivo, salienta que o Viveiro chegou á final do domingo «con máis ritmo de xogo» ante as limitacións impostas pola directiva do Ribadumia a disputar partidos de pretempada. Pero «nós iamos coa ilusión extra tras non xogar en 7 meses e de facelo nun estadio coma San Lázaro», di.