Cambio de maillot para tentar crecer outra talla camiño do gran pelotón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O vilagarcián Ismael Rodríguez ficha polo GSport-Velofutur no seu paso a Sub-23

22 nov 2020 . Actualizado a las 22:08 h.

Cando dentro dun ano Gustavo César Veloso xubile a súa ficha profesional deixará tras de si un currículo difícil de emular polas novas xeracións do ciclismo galego en estrada. Poder seguir un camiño como o seu é a ilusión que move a Ismael Rodríguez (Vilagarcía, 10/IX/2002) desde que descubríu tarde, case tanto como o de Bamio, a súa paixón pola bicicleta. Un deporte no que, tamén como o bicampión da Volta a Portugal, vencedor dunha Volta a Catalunya e gañador dunha etapa da Vuelta a España, amosou unhas excelentes condicións desde o primeiro día. Gañando as dúas edicións da Transgalaica, circuito galego de referencia na modalidade de maratón do ciclismo de montaña, no 2018 e 2019, as dúas primeiras tempadas de Ismael en competición federada. No 2021, e tras demostrar a súa extraordinaria capacidade de maduración tamén no ciclismo en estrada como xuvenil, dará un xiro antes de acometer a primeira pendente dura na ascensión cara o seu grande obxectivo, unha sela no gran pelotón. Faráo cambiando o maillot do C.C. Padronés-Aluminios Cortizo polo do GSport-Velofutur na súa estrea na antesala do profesionalismo, o pelotón Elite e Sub-23.

Logo de gañar as edicións 2018 e 2019 da Transgalaica co xersei do C.C. Ribadumia, Ismael Rodríguez atopaba no C.C. Padronés-Aluminios Cortizo o seu modo de transbordo da bicicleta de montaña á de estrada. «Bufff! Son moi distintos. No monte practicamente es ti contra ti, pedal para arriba. Na estrada hai moitos factores en xogo, traballo e estratexia de equipo, colocación no pelotón...», di. Así as cousas, o vilagarcián soubo entender que no 2019 tocaba un ano de pura transición e, a partir de aí, tirar o máximo proveito da súa certeira composición de lugar: «Foi chegar e aprender. Adapteime bastante ben. Non estaba nin entre os mellores, nin entre os peores, e sentínme moi cómodo; sobre todo, moi apoiado polo equipo».

A chegada tardía á modalidade de estrada esixíalle ao arousán unha marcha máis para exprimir o seu último ano xuvenil. E o 2020 comezou de maneira prometedora. Pechando o podio da Challengue Rías Baixas de Ponteareas, unha proba, conta, de dous días.

O estado de alarma do 13 de marzo e os tres meses de confinamento e de desescalada ameazaron despois cun ano en branco a Ismael. Lonxe diso, o home do Aluminios Cortizo soubo exprimir cada contada carreira na que puido participar tras a entrada na nova normalidade. Empezando coa súa participación na Vuelta a Besaya, unha das probas máis prestixiosas do calendario xuvenil español, onde, lembra, «me puiden medir co pelotón internacional» cedido xunto co tamén vilagarcián Martín Rey. Tras catro días de competición acabou no 22º. posto da clasificación final. E tras as malas experiencias do Campionato de España, en Mallorca coa selección galega, e da Vuelta a Talavera, onde lle tocou a cruz da retirada, «o regalo».

Así se refire Ismael ao seu triunfo o 26 de setembro na proba de fondo en estrada do Campionato de Aragón Júnior, a súa última carreira do 2020, cruzando a meta collido da man de Martín Rey tras unha aplastante escapada xuntos.

Foi máis dun mes antes xa cando o teléfono de Rodríguez comezou a estar do máis solicitado. Arredor de media ducia de escadras, a maioría galegas, lle trasladaron o seu interese por contar con el no seu paso á categoría Sub-23. Entre elas, o GSport-Velofutur, equipo de orixe e de estrutura valenciana sobre a base da firma de roupa ciclista e con máis de 15 anos de historia, que no 2019 mudou a súa filosofía. Incorporando como socio a empresa galega de representación e de asesoramento ciclista Velofutur e trasladando a súa sede ao domicilio social da Asociación Deportiva Punta Fondón de Moaña. «Trátase dun proxecto enfocado a ciclistas Sub-23, enfocado a axudar a rapaces que compartimos a ilusión por chegar a profesionais. Un equipo que busca máis que aprendamos cos resultados e que nos ofrece moi bo calendario», comenta Ismael.

«Quero chegar a profesional. E para iso teño que seguir formándome. Paso a paso». E así ve o arousán a súa fichaxe polo GSport-Velofutur, confiado en que «estou a facer as cousas ben».

Consciente de que debe despuntar pronto, mentres estuda Comercio e axuda na casa

«Sei que é un reto moi complicado. Pero a ilusión e as ganas non mas vai quitar ninguén», afirma Ismael Rodríguez á hora de falar do seu obxectivo de chegar a profesional. Un horizonte que o levou a escoller o GSport-Velofutur entre as moitas opcións que tiña para xestionar o que, di, «é o maior cambio na carreira dun ciclista», por canto pasa de medirse tan só con corredores da súa estreita franxa de idade a facelo con competidores non só Sub-23, tamén elites que estiran os seus soños de saltar ao gran pelotón ou ben poden vivir laboralmente do seu deporte a nivel amateur.

 

O vilagarcián traballa sabendo que «agora, tal e como está o ciclismo, hai que avanzar rápido, despuntar pronto. Se aos 23-24 anos non destacas, chegas tarde. E iso é porque se está a traballar ben e moito desde as escolas».

Sendo a súa unha vocación tardía, a elección de equipo é para Rodríguez inda máis decisiva á hora de deseñar unha folla de ruta cara ao gran pelotón. E neste sentido, «o GSport-Velofutur é máis unha academia», que potencia o crecemento dos seus corredores cun gran calendario que inclúe as probas da Copa de España e voltas Elite e Sub-23, tamén en Portugal e en Francia, covid-19 mediante.

Estudante do ciclo de Comercio no Instituto Cotarelo Valledor de Vilagarcía, os plans de Ismael pasan por continuar a súa formación académica e seguir botando unha man no negocio de venda de froita e de verduras da familia mentres apura cada minuto do día para poder seguir dedicando case 24 horas á semana a pelexar un soño, ser o próximo vilagarcián no gran pelotón.