A firma da rede de ADSL no Brexo recoñece a unha usuaria unha avaría masiva na zona
AROUSA
A avaría mantén desde hai xa máis dunha semana sen conexión os veciños do barrio cambadés
31 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A avaría que mantén desde hai xa máis dunha semana sen conexión por ADSL os veciños do barrio cambadés do Brexo continuaba onte sen solución. Afectado desde o pasado luns, Juan Fariña Hermida, que desde a rúa Vicente Risco facía público o problema a través de La Voz de Galicia e comunicándollo ao Concello para que tomara cartas no asunto, atopouse con máis do mesmo: «Hoxe -por onte- chamáronme de novo da miña compañía para dicirme que a firma titular da infraestrutura do ADSL na zona estaba a traballar no asunto e que pola tarde debera ter reestablecida a liña. Iso mesmo me levan dicindo desde o mércores pasado». Contra as nove da noite confirmaba as súas sospeitas, nada de nada un día máis, e xa van nove: «Un cachondeo».
A alerta realizada o luns desde o Concello advertindo do problema a través da súa conta de Facebook e animando a calquera afectado a dirixirse á compañía titular da infraestrutura do ADSL no Brexo tivo como resultado o afloramento de novos casos con nomes e apelidos. Como o de Leonor Muñiz, veciña da Avenida de Castrelo. No seu caso, cliente da mencionada firma dona da rede -Fariña éo dunha diferente que tira desta-. Preguntada a compañía en cuestión por este xornal, onte non tiñan constancia de ningunha avaría global no barrio cambadés, cousa que si lle confirmaron a título individual a Muñiz.
«Eu teño a avaría desde o martes da semana pasada. Primeiro dixéronme que debía de ser do router. Mandáronme outro o xoves e a avaría seguía», conta Muñiz. E vendo que o luns e onte a cousa non cambiaba, e que as súas consultas ao número de asistencia técnica da súa compañía se saldaban cunha voz grabada informándolle de que «había unha avaría rexistrada asociada ao meu número», a cambadesa probou a chamar ao departamento comercial. E aí si. «Confirmáronme que hai unha avaría masiva na zona, da que tiñan constancia desde hoxe».