O Ribadumia inicia a segunda volta pola permanencia coa lección ante rivais como As Pontes aprendida

AROUSA

A derrota ante outro descendido, o Paiosaco, pon en alerta os locais
16 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A experiencia é sen dúbida un grao. E se ben non sempre resulta suficiente para evitar tropezar na mesma pedra, a súa aprendizaxe é o primeiro paso necesario para quen pretende evitar volver pasar por malos momentos se non iguais, moi parecidos. O C.D. Ribadumia inicia esta tarde, ás seis no céspede da Senra, a segunda volta da fase pola permanencia na Terceira División. Cas Pontes coma primeiro rival nos seis partidos que restan para coñecer que oito dos doce equipos inmersos na pelexa pola supervivencia na categoría xogarán a vindeira tempada na Preferente.
O C.D. Ribadumia sabe xa o que é gañarlle ás Pontes. De feito, o 1-2 asinado polo conxunto que dirixe o vilanovés Luis Carro foi o primeiro golpe encaixado polo cadro de Ferrolterra nunha fase na que tan só foi quen de sumar 1 punto en seis encontros disputados. Hoxe pode de feito materializar o seu descenso. E é esta mesma circunstancia a que levaba onte a lanzar a voz de alarma ao técnico local. Porque hoxe toca ter ben presente a lección aprendida hai tan só dúas semanas no campo da U.D. Paisaco-Hierros, outro dos equipos xa descendidos de facto, co que o C.D. Ribadumia perdía 1-0.
Neste punto, Luis Carro subliñaba na véspera do choque desta tarde que o As Pontes «é un equipo cunha gran melloría. Todos os partidos que perdeu, perdeunos pola mínima. Compite co plus de non se xogar xa nada». E sobre este punto de partida, engade o adestrador arousán, «atrévese moitísimo co balón». Así as cousas, o C.D. Ribadumia traballou toda a semana en preparar un partido «difícil» para o estilo alegre das Pontes.
Máis aló da capacidade para estrangular o sistema circulatorio do fútbol do seu rival, Luis Carro salienta a urxencia de conseguir elevar a porcentaxe de transformación en gol das numerosas ocasións ante a portería contraria xeneradas nas últimas semanas polo colectivo aurinegro. Un déficit penalizado coas dúas derrotas consecutivas coas que chega ao duelo desta tarde.
O C.D. Ribadumia afronta o novo test, coas Pontes, sexto a 1 punto da zona de seguridade e con tres baixas de gran relevancia, toda vez que a de Paco vén de longo: Óscar Martínez, na medular, e Cerqueiras e Hugo Soto na liña de ataque.