O Ribadumia ve voar a metade das prazas de permanencia

AROUSA

CAPOTILLO

Os de Luis Carro están a 4 puntos da zona de salvación cando só restan 9 por xogar

01 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O C.D. Ribadumia dixo o domingo adeus ao seu último comodín. Coa súa derrota co Viveiro, como na primeira volta da fase de permanencia na Terceira, pola mínima e tras un primeiro tempo no que os homes de Luis Carro ben puideron ter posto o encontro de cara, o conxunto aurinegro dista de depender de si mesmo. Neste momento, e a falta tan só xa de 9 puntos por disputar, a continuidade da Senra coma campo da Terceira pasa pola capacidade do C.D. Ribadumia de facer o que non foi quen ata o momento na presente tempada: encadear tres triunfos. E inda así, dependendo de terceiros.

O goalaverage perdido

Dous son os grandes problemas do Ribadumia na súa pelexa pola supervivencia. O primeiro, que a estas alturas xa só pode aspirar a ocupar dous dos catro postos que outorgan a permanencia, toda vez que o Ourense C.F. e o Viveiro, con 48 puntos máis o diferencial particular co cadro arousán ao seu favor, xa están fóra do seu alcance. O segundo é que os de Luis Carro, sextos con 39 puntos, tamén teñen dito diferencial en contra co C.D. Barco, cuarto con 42 puntos, e coa U.D. Ourense, quinto con 39. Por enriba, na guerra polos dous últimos salvocondutos, só lle queda por dilucidar o goalaverage co Arzúa. Precisamente, o rival ao que cursará visita esta fin de semana na antepenúltima xornada da fase de permanencia. No encontro da primeira volta, os de Carro conseguiran o seu triunfo máis contundente dos catro que levan neste segundo e último treito do campionato, 3-0.

Despois, ao C.D. Ribadumia quedarálle recibir na Senra a un descendido Paiosaco-Hierros que, con todo, foi quen de dobregar o conxunto aurinegro hai un mes, 1-0; rematando a Liga no feudo do Fisterra, sétimo con 33 puntos.

«A situación está mal, un pouco máis do que xa o estaba antes do último partido», declaraba onte o adestrador aurinegro. O vilanovés Luis Carro apunta que «non nos queda outra que tentar sumar todo e aproveitar os enfrontamentos directos». Non o desta semana, co Viveiro recibindo o Ourense C.F. nun duelo só por decidir o nome do campión da fase de permanencia. Si os que disputarán sete días despois, na penúltima xornada, o Ourense C.F. e o Arzúa no Couto e o C.D. Barco en terras de Valdeorras co Viveiro. E tamén o que na derradeira xornada enfrontará o Barco co Arzúa en campo coruñés. Se o Ribadumia é quen de derrotar esta fin de semana o Arzúa este último enfrontamento podería rematar resultando a chave da súa continuidade na Terceira.