Música para fuxir dos «días de plomo» 

eva fuentes / B. c. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A cantante lembrou no ciclo Ás nove na praia a importancia de apoiar a cultura, tamén con pandemia

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«O único que teño claro despois do 2020 é que hai que celebrar a vida, sentídevos libres, esa é a única premisa». Con estas palabras, a cantante e compositora Silvia Penide, acompañada unicamente da súa guitarra, puxo a banda sonora que acompañou ao son do mar na xornada do mércores na praia da Concha.

O certo e que nun ano tan atípico, o verán en Vilagarcía quere semellarse a esa tan ansiada normalidade grazas á música en directo. A era covid supuxo un exterminio case total dos grandes eventos que se celebran sobre a area, pero tamén incentivou a celebración de moitos outros de formato menor. E poucos lugares son mellores que unha praia para ofrecer un espazo ao aire libre en condicións e con garantías de seguridade ante o avance da cuarta ola.

Deste xeito, Ás nove na praia chegou á súa undécima edición, consolidándose xa o ano pasado como unha cita musical imprescindible pese á pandemia, demostrando un ano máis que a cultura é segura. Así pois, o solpor do mércores correu ao cargo de Silvia Penide, unha muller loitadora de voz doce que fixo do confinamento unha oportunidade a nivel creativo, nacendo así o seu último traballo, titulado Los días de plomo.

Como sucede en cada xornada, o recinto da praia abriu as súas portas ás nove da noite, coa súa oferta de coctelería e selección musical, coidando e cumprindo, tanto dende a organización como por parte dos asistentes, o protocolo covid. A tardiña morría e o sol con ela. O son do mar mesturábase cunha brisa salgada que fixo aos asistentes pór as chaquetas, aínda ao abrigo e calidez do recinto. As luciñas que colgaban entre as árbores fóronse prendendo, acompañando á luz da lúa e aos últimos raios de sol que deixaron un ceo tinguido de cores vermellas, polo que moito dos alí presentes non se puideron resistir a sacar os seus teléfonos para inmortalizar o momento.

Ás dez da noite, cando a praia da Concha se foi escurecendo, a música da cantante coruñesa iluminou o recinto, que completou o aforo dende o momento que abriu as portas.

Penide comezou agradecendo o apoio á cultura, e como non, ao seu público, co que interactuou en todo momento. Durante os cincuenta minutos que durou o concerto, a cantante fixo un repaso polos temas dos seus sete traballos discográficos, presentando ante o público arousán o seu último traballo, titulado Los días de plomo. Así pois, o disco recolle un puñado de cancións nacidas dende e polo encerro, despois de publicar en 2019 El efecto boomerang.

Deste xeito, durante o concerto houbo tempo para a reflexión, para entender que Los días de plomo non botarán raíces, para abrir o caixón e desfacerse daquilo que é innecesario e deixar espazo para o que virá con Reventaba, para recordar que nunca debemos de deixar de brillar con Más de lo normal e tamén para recordar os escenarios tan impactantes froito da pandemia con Bailar en Irán. Houbo tempo para brindar e para irnos poñendo cada vez un pouco máis folclóricos ao ritmo da súa guitarra.

O público, que abranguía a todas as idades, foi collendo soltura e entrando en calor da man da coruñesa. «A atmosfera pasa ou non pasa, e hoxe está pasando», confesaba Silvia Penide de cara a fin da velada, á vez que recordaba a importancia de apoiar a cultura segura e que «volver a cantar encima dos escenarios, é unha festa».

Para rematar, non faltaron os agradecementos á organización e ao equipo técnico, facendo fincapé na situación que está a atravesar o seu gremio. «Sobrevivimos mientras dure el aplauso», confesou a cantautora á vez que as olas morrían na praia.