E mágoa a falta de resposta das autoridades que practican aquela máxima do primitivo liberalismo de «laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même», que ten unha tradución enxebre no «ti vai facendo?».
22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Durante todo o ano nos concellos turísticos obsérvase o exercicio dun autocaravanismo irresponsable, invasor, pernicioso, privatizador das paisaxes destacadas ambientalmente. Unha pena que estou seguro compartir cos defensores con sentidiño deste atractivo xeito de viaxar. E mágoa tamén a falta de resposta das autoridades que practican aquela máxima do primitivo liberalismo de «laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même», que ten unha tradución enxebre no «ti vai facendo…».
Así que convén aclarar as posibilidades de uso destas autocaravanas, dos chamados «camper» -furgóns adaptados- e de artefactos varios reformados para facelos habitables. É moi sinxelo, só hai que distinguir tres conceptos ao alcance de calquera: circular, estacionar e acampar. A circulación está permitida co requisito de esixir o carné C1 cando o vehículo pese máis de 3.500 quilos, non podendo neste caso superar os 90 quilómetros por hora en autopista e 80 nas estradas convencionais. O estacionamento tampouco presenta problemas porque se asimila ao de calquera outro vehículo, coas súas características de volume e de peso, tanto de día como de noite.
Así pois: as autocaravanas poden circular e estacionar cumprindo as normas de tráfico e seguridade viaria. O de acampar é outra cuestión. O concepto de acampar é claro entendéndose, comunmente, que significa instalar calquera albergue móbil -tenda de campaña, caravana, autocaravana- dándolle un uso habitacional. É dicir: unha autocaravana estacionada onde se cociña, come, caga, dorme e lávase é acampada. Estalles permitida, como ás caravanas, sempre que o fagan en cámpings ou en áreas habilitadas onde dispoñan de instalación eléctrica, subministro de auga, tratamento e evacuación de augas residuais e recollida de lixo. En ningures máis.
A pesar da claridade normativa e, aínda máis, das continuas recomendacións das asociacións do sector e dos fabricantes -en 2020 matriculáronse en Europa máis de 200.000 autocaravanas e campers- e por sentido común, o habitual é ver facer vida neste tipo de enxeños nos lugares máis fermosos, máis recónditos e nos máis inesperados, sen ningún tipo de servizo. En Galicia -cfr. D. 159/2019- está prohibida a acampada turística fóra dos cámpings ou de instalacións de acollida para autocaravanas e caravanas, consistentes en espazos de terreo delimitados, dotados e acondicionados, abertos ao usuario turístico para a ocupación transitoria por unha noite. As razóns éticas, cívicas e de urbanidade non paga a pena traelas aquí, por non parecer estar ao alcance destes infractores analizar o egoísmo de actuar así. Así pois, resumindo: en autocaravana, como en caravana -non hai diferenza- está permitido circular e estacionar, pero de ningún xeito acampar, non sendo dentro de cámpings ou en espazos municipais habilitados, nestes só unha noitada.
A modo de exemplo, no municipio onde resido o miradoiro da Lanzada, as praias, particularmente as de Canelas, Con Negro e Barreiro, ínzanse verán e inverno, con esta ocupación antirregulamentaria, con casos flagrantes como a zona de aparcamento do istmo da Lanzada, invadida e usurpada por autocaravanas e campers. É un espazo de dominio público marítimo terrestre, no que o uso como vivenda está, tamén, expresamente prohibido e, sen embargo, practícase e permítese, dun xeito irresponsable. Como en Con Negro, cun asentamento case permanente.
Así pois, resulta necesario que os autocaravanistas se autoesixan o cumprimento da normativa, pero, tamén que, xa, as autoridades municipais adopten medidas de dotación de espazos e de policía en defensa da normativa vixente, do medio ambiente, da paisaxe e tamén, por suposto, da actividade local da hostalería porque, radicalmente, o autocaravanismo descontrolado é unha praga para o medio que hai que combater. E tamén é unha epidemia para un turismo concienciado. Un, por exemplo, non volvería a un lugar infestado así.